Día da Poesía na Biblioteca de Galicia coa interpretación de obras por parte dos propios autores

Noutra orde de cousas, o Ateneo de Santiago entregará este luns nas súas instalacións de Santiago o Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2020.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2021 | Actualizada ás 20:34

Comparte esta noticia

A Biblioteca de Galicia celebra este mes o Día da Poesía coa interpretación de obras de parte dalgúns dos autores máis representativos da literatura galega actual.

O ciclo 'Na Biblioteca de Galicia lese poesía', que foi inaugurado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, este venres en Santiago, forma parte das actividades programadas pola Xunta para conmemorar o décimo aniversario deste espazo.

Deste xeito, segundo precisou a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, os autores Yolanda Castaño, Antonio García Teijeiro, o dueto ALDAOLADO, composto por María Lado e Lucía Aldao, e Rosalía Fernández Rial, participarán no ciclo entre este venres e o próximo 27 de marzo. A eles sumarase a gañadora do Premio Nacional de Poesía Nova 2020, Alba Cid, o vindeiro domingo.

Con motivo do Día da Poesía, a Xunta tamén impulsa as xornadas 'Literatura nas marxes. A creación alén do canon', un proxecto organizado pola Asociación O Arquivo das Trasnas no que se abordarán a reivindicación da muller, o tratamento da maternidade e a literatura con personaxes LGBTIQ+.

PREMIO DE XORNALISMO

Noutra orde de cousas, o Ateneo de Santiago entregará este luns nas súas instalacións de Santiago o Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2020. A gañadora da terceira edición foi Adela Bértolo polo seu artigo '#UNSEGREDOAVOCES. A loita feminista do alumnado da ESADg continúa na rede', publicado o pasado ano en Vinte, unha revista do diario dixital Praza Pública.

Ademais do galardón, dotado con 1.000 euros, entregaranse dous accésits a David Reinero González, pola reportaxe 'O que custou o AVE a piques de rematar', e a Marta Otero Mayán, polo artigo 'Menores migrantes, onte e hoxe'. Así mesmo, tras o acto de entrega, abrirase a nova convocatoria do certame.

Por outra banda, o xurado do XXI Premio Xornalístico Albarelo, impulsado polo Colexio oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña, emitiu un fallo polo que se entregará o galardón, dotado con 3.000 euros, a Loreto Silvoso polo artigo publicado en abril de 2020 no suplemento O Comarcal de La Voz de Galicia 'As boticas rurais na fronte de batalla'.

Tamén se conderán dous accésits, premiados con 1.000 euros cada un, a Marta Otero, por 'Tras a trincheira farmacéutica', publicado o 29 de novembro de 2020 na Opinión da Coruña, e a Álvaro Gómez, por 'Aspirinas contra o despoboamento', emitido no programa Más de Uno en Castela e León, de Onda Cero, o 28 de decembro de 2020.

Cidade da Cultura. CIDADE DA CULTURA - Arquivo
Cidade da Cultura. CIDADE DA CULTURA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta