Detectado un gromo de covid-19 nunha granxa de visóns en Santiago

É o segundo foco en instalacións deste tipo en Galicia logo de rexistrarse outro en xaneiro nunha granxa da Baña na que os animais foron sacrificados.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/03/2021 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a existencia dun foco de coronavirus nunha granxa de visóns americanos situada en Santiago de Compostela. Tras a detección deste gromo, o segundo que se rexistra en Galicia, procederase a efectuar novas analíticas aos animais da explotación para determinar as medidas a tomar.

Imaxe de arquivo dun visón
Imaxe de arquivo dun visón | Fonte: Europa Press.

En aplicación dos vixentes protocolos de vixilancia desta enfermidade nas granxas de visón americano en España, tras as análises realizadas confirmouse a existencia de circulación viral SARS-CoV-2 nesta granxa en dúas mostras. A explotación permanece sometida a vixilancia e control oficial polos servizos veterinarios de Medio Rural.

A detección deste foco prodúcese no marco dos controis de vixilancia que se realizan no marco do 'Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España', elaborado polos ministerios de Agricultura e de Sanidade e no que --remarca a Xunta-- colaborou activamente Galicia.

En aplicación deste programa, os Servizos Veterinarios Oficiais da Xunta realizan, ademais de controis sanitarios, diferentes visitas a todas as explotacións de visóns, co fin de comprobar as condicións de bioseguridad das granxas, así como tomas de mostras e análises rutineiras cada 15 días.

6.554 VISÓNS

A granxa compostelá na que se detectou o foco conta con 6.554 visóns (5.430 femias reprodutoras e 1.124 machos) e estanse realizando os estudos epidemiolóxicos para tentar determinar a orixe da infección.

En toda Galicia, actualmente existen un total de 25 granxas deste tipo en estado de alta, cun censo total de 71.479 reprodutoras.

SEGUNDO FOCO

Este foco comunicarase oficialmente por parte do MAPA á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e á Comisión Europea.

Trátase do segundo foco de SARS-CoV-2 detectado nunha granxa de visóns en Galicia, tras o rexistrado nunha explotación da Baña o pasado mes de xaneiro. Os visóns da granxa da Baña foron sacrificados.

PIDEN O PECHE DAS GRANXAS

Tras coñecer o caso, Fundación Franz Weber e Tu Abrigo su Vida emitiron un comunicado no que remarcan que levan semanas advertindo do risco nas granxas peleteiras, cuxo peche reclaman.

Dan por feito que a Xunta procederá a sacrificar todos os visóns e inciden en que se trata dunha das especies animais "onde o coronavirus pode mutar e mesmo inhabilitar as vacinas actuais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta