Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2021 | Actualizada ás 19:01
A Xunta e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) analizaron os distintos elementos que garanten a accesibilidade da intermodal de Santiago de Compostela, como ascensores nos accesos desde o edificio de viaxeiros ata as dársenas, así como a través da rampla exterior urbana para a conexión das estacións de autobuses e de tren, e destas coa cidade.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a titular de Política Social, Fabiola García, visitaron este luns as instalacións da nova terminal de autobuses co presidente de Cogami, Anxo Queiruga. Diso informou a Consellería de Infraestruturas nun comunicado, no que sinala que o percorrido pola nova estación de autobuses e pola pasarela responde o interese de Cogami por coñecer as novas instalacións e por avaliar as medidas dispostas para facilitar a accesibilidade.
Segundo sinalou a Xunta, os representantes da entidade comprobaron o traballo da Administración galega para facer accesibles as instalacións e facilitar os desprazamentos de persoas con mobilidade reducida, a través dos citados ascensores e da rampla exterior.
A nova infraestrutura tamén conta con percorridos podotáctiles para persoas cegas ou con limitacións de visión. No deseño da estación de autobuses tivéronse en conta, ademais, as necesidades especiais de diferentes colectivos, por exemplo, coa disposición de baños para usuarios ostomizados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.