Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2021 | Actualizada ás 13:30
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, pediu este mércores, na véspera dos festivos desta semana Santa, un "esforzo adicional" aos galegos para poder manter os datos epidemiolóxicos actuais --en situación de meseta-- "o maior tempo posible". Pola súa banda, O o alcalde de Santiago avisa dun incremento "significativo" nos contagios, aínda que "non dramático".
"O comportamento está a ser razoable, prudente e bo", afirmou, en declaracións aos medios con motivo da súa presenza nun acto en Abegondo, onde agradeceu o comportamento xeral da cidadanía e pediu "un esforzo máis adicional para os días críticos que veñen" e "que manteñan o bo comportamento, para seguir despois destes días neste bo momento de meseta".
O titular de Sanidade explicou que o seu departamento traballa para tratar de anticiparse e eloxiou que "o esforzo o fan os galegos por cumprir as normas" con recomendacións como a de "non facer encontros de non convivientes en domicilios" o que, lembrou, "en Nadal provocou esa onda despois".
"Non sabemos que vai pasar en dúas semanas ou tres", admitiu, para pedir aos cidadáns "que teñan un pouco máis de paciencia se cabe, un esforzo adicional" porque "coas vacinas o fin está máis próximo". Por iso, apela a que "o esforzo feito ata agora non o botemos por terra con movementos e actividades de risco".
PECHE PERIMETRAL
Preguntado sobre se se prolongará máis aló do 9 de abril o peche perimetral de Galicia, Comesaña reiterou que os datos epidemiolóxicos a día de hoxe "son bos", xa que presenta unha incidencia acumulada a sete días "a metade de España", o que sitúa a Galicia "en situación de estabilidade". "Pero isto cambia de modo rápido", advertiu.
Por iso, avanzou que "ata o vindeiro martes" non se abordará a súa prolongación. Deste xeito, sinalou que o comité clínico revisará a próxima semana "varios aspectos, un deles este". Con todo, o titular de Sanidade recalcou a "anticipación" de Galicia na adopción de medidas fronte á Covid-19 tras observar a evolución da incidencia a sete días. Por iso, defendeu a "anticipación na entrada e estabilidade na saída".
"Son os dous motivos que aínda que os números permitían saír a prudencia levou á decisión dura de seguir", explicou en relación a manter as restricións máis duras nalgúns municipios a pesar de mellorar os seus datos, porque aínda que se trata dunha "decisión dura, é a mellor".
FEIJÓO
Neste sentido, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou á responsabilidade de toda a cidadanía durante a Semana Santa para "poder pensar nun verán con mellores perspectivas". "Pido a toda a cidadanía que sigamos sendo prudentes como ata agora. Nunca nos imos a arrepentir da responsabilidade que mostremos durante estes días", sinala o máximo mandatario autonómico nunha mensaxe publicada no seu perfil da rede social Twitter.
O presidente apunta que, se se logra, poderase pensar en "un verán con mellores perspectivas" e garantir "unha Semana Santa de 2022 de normalidade".
SANTIAGO
Pola súa banda, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, advertiu este mércores dun incremento "significativo" tanto nos casos de covid-19 como na incidencia acumulada a 14 días, aínda que recalcou que, de momento, "non é dramático".
En rolda de prensa, Bugallo cualificou a situación da capital galega de "razoablemente boa" en base aos datos rexistrados este martes 30 de marzo, que deixaban a incidencia acumulada en 68 casos e os contagios activos en 72. "Estamos moi por baixo da media de Galicia e ao redor da metade da media do país", destacou o rexedor que, con todo, pediu prudencia.
"É innegable que os contaxios están a subir, e hai que ter en conta que agora estamos en Semana Santa", comentou Bugallo, que comparou as cifras actuais coas do pasado 17 de marzo, momento no que se contabilizaron 42 casos activos e a incidencia acumulada roldaba os 40 contaxios.
"De non mellorar a tendencia, que sería o desexable, debemos, polo menos, tentar mantela e que os datos non empeoren se queremos seguir coa "relativa normalidade" da que estamos a gozar en canto a hostalaría, comercio e peches perimetrales", advertiu o alcalde de Compostela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.