O imperio español e as súas elites extractivas

España nunca foi nación nin unión estábel e voluntaria de países e cidadáns.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 05/04/2021

Comparte esta noticia
Algo de historia
 
Castela sempre xogou ser un Imperio. Ben o saben os cataláns, que loitaron ate a morte no 1714 sabedores da que lles viña enriba. Tamén os fillos da Euskal Herria defensores do equilibrio social das leis vellas, sobre todo na guerra de 1833-1840. Ou os portugueses cando recuperaron a súa independencia no 1640, xusto cando andaluces e cataláns revolvíanse tamén en defensa das asúas liberdades. En canto a Galicia axiña entendeu que a unión personal do reino de Galicia co de Castela na persoa de Fernando III (II de Galicia) no 1230 ía supor a asimilación…velaí as revoltas galegas de 1369 e 1474, cando amplos sectores da aristocracia e da buerguesía vilega galegas defenderon a reunificación galego-portuguesa e o noso afastamento de Castela. Velaí a revolta cívico-militar galega de 1846, que quixo restaurar as liberdades galegas e a xustiza social fronte á ditadura borbónica de Narvaez.
 
A Coroa de Castela exportou ás Indias as institucións propias do vicereinado concibidas para a opresión do reino de Galicia: Adiantados Maiores ou Gobernadores e  Capitanías. E, despois do setembro a lume e ferro de 1714, ocupada pola rapacidade dos Borbóns deseñou unha España peninsular gobernada dende a mentalidade do Imperio.
 
E, como dicía o castelán Nebrija, siempre fue la lengua compañera del Imperio. A imposición do castelán non foi un invento de Franco. Porque xa os Borbóns do XVIII consagraron a exclusividade da lingua castelá nas escolas públicas e privadas. En 1896 a lei impuxo a prohibición do catalán, euskera, galego e asturiano nas comunicacións telefónicas.  
 
 
A radialidade das comunicación peninsulares
 
O primeiro Borbón, Felipe V, despois de derogar as liberdades catalás, valencianas, mallorquinas e aragonesas, aplicouse á tarefa de definir unha rede de estradas penisular radial, con centro na entón pequeña vila de Madrid, malia constituir (daquela e hoxendía) os eixos atlántico (galego-portugués), cantábrico, mediterráneo e o do val do Ebro os vectores que conectaban os territorios produtivos. 
 
O Estado liberal do século XIX transladou  esta radialidade á rede ferroviaria, até chegarmos ao AVE actual, que penaliza o transporte de mercadorías a respecto do de pasaxeiros e prioriza até o absurdo o hub madrileño. Lembremos os 6.200 M€ (máis dun billón-con “b” de burro-das vellas pesetas) que os fondos europeos destinados ao reequilibrio territorial soterraron no novo aeroporto de Madrid-Barajas. Ou o resgate das “súas” autoestradas madrileñas.
 
A teimosía do Imperio en manter a radialidade chega ao absurdo de pretender que o eixo mediterráneo pase por Madrid ou pola recente priorización  da alta velocidade ferroviaria Lisboa-Madrid na cimeira lusoespañola do último outubro, priorización decididamente rexeitada por un Goberno portugués que sabe que a súa prioridade, canda as da cooperación transfronteiriza europea, é o eixo Compostela-Vigo-Porto-Lisboa.
 
Recentralización económica e dumping fiscal
 
Foi, pois, un proxecto imperial e non inclusivo o que empoderou Madrid como capital política e centro do sistema de infraestruturas do Estado. Como ven de lembrar Ferrán Martínez en Valencia Plaza, dende mediados do século XX (engadiríamos nosoutros que, nomeadamente, dende a involución territorial de 1981-82) éstas foron as pancas para converter Madrid no centro neurálxico das finanzas, a sede das grandes empresas españolas (fenómeno radicalizado ad infinitum despois da ondada privatizadora das empresas públicas da SEPI nos últimos anos de goberno de Felipe González e primeiros do aznarato). Hoxendía Madrid é  a sede de máis da metade das principais 1.000 empresas españolas. O 60% das licitacións publicas son adxudicadas a empresas con sede en Madrid. Case o 30% dos funcionarios públicos e o 21% dos empregados máis cualificados traballan na rexión madrileña. Malia ter só 1,6% do territorio amorea un 19,2% do PIB estatal e absorbeu o 85,2% do investimento directo exterior. A súa renda per cápita anual está por riba dos 35.000 €, un 36% por riba da estatal e un 16% por riba da europea. E todos estes números cunha participación industrial no PIB madrileño de só un 10%.
 
O Estado das Autonomías ofreceulle a Madrid, ademáis, a posibilidade de se converter nunha comunidade autónoma con competencias fiscais equiparábeis a calquera outro territorio, cando o efecto-sede da súa cualidade de capital política e centro neurálxico aconsellaba i) reducir o devandito efecto-sede descentralizando institucións e servizos públicos ou favorecendo a especialización doutras ciudades, como ocorre nos sistemas federais alemán, australiano ou canadiano e ii) definir Madrid como distrito federal ou como parte de Castela, evitando a posibilidade do actual dumping fiscal.
 
Porque a inducida retroalimentación da economía madrileña xerada polo efecto sede, xunto cos amplos investimentos públicos dos que se beneficia e unha política económica que privatiza servizos e afonda nas desigualdades, mesmo intramadrileñas (moitos soldos nos sectores de coidados e hostalería son verdadeiramente baixos) atraeron a Madrid a residentes doutros territorios de grandes rendas e patrimonios, para desfrutar do seu marco fiscal favorábel ás grandes fortunas, quer no IRPF e Patrimonio, quer no Imposto de Sucesións.
 
Das resultas do proceso de recentralización económica, potenciación do efecto sede e hub de toda caste de infraestruturas de transporte e dumping fiscal Madrid baleirou a Meseta e está a  piques de baleirar o propio Estado español, nun continuo efecto aspirador.
  Convén precisar que este proceso, como xa vimos, ten raiceiras na antiga Coroa de Castela, continuou cos Borbóns, afondou co Estado liberal, a Restauración e o franquismo e presidiu a xestión dos gobernos do PP e do PSOE durante toda a transición, sen que a esquerda española fixese a menor autocrítica a este proceso, agás puntuais críticas do último goberno socialista andaluz.
 
Certo é nos últimos cinco anos xurdiu unha potente crítica dende a Generalitat valenciana, gobernada polo PSPV e Compromis, alicerzada polos estudos do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas. Unha crítica que, por primeira vez dende posicións socialistas, relaciona o efecto sede ou aspiradora co dumping fiscal, sen analizar illadamente éste.
  Cando isto escrebo recebín unha mensaxe de whatsupp vía un persoeiro da Federación Socialista madrileña que denuncia que a deterioración dols servizos públicos madrileños só é posíbel pola recadación inducida polo efecto-sede, mais que considera que Madrid constitúe o laboratorio da dereita española para todo o Estado desa deterioración como vía á súa redución e privatización. Benvidos á realidade. 
As solucións políticas.
 
Sen o PSOE, pola súa posición fulcral no taboleiro político non será posíbel unha solución político-territorial a este problema. Neste senso, esa concienciación da periferia socialista é positiva, mais non é abondo, nin serve para achegarmos unha solución. Non mentres sexa tabú a Institución monárquica, chave de bóveda do sistema do palco do Bernabeu e a descentralización real do Poder político e económico.
 
Como ven de escrebir no seu blog Iñaki Anasagasti (aloxado no xornal vasco Deia) Madrid constitúe a sede das elites extractivas do Estado: a Casa Real, o corpus político, moreas de altos funcionarios, cimeira xudicial e militar, consellos de administración e principais asesores das maiores empresas…Unha poboación que non produce, mais que precisa de moreas de recursos. Unhas elites que manteñen o poder económico e político (goberne quen goberné na praxe, vid. caso Pérez de los Cobos), que manexan o deep state e que, como di Anasagasti
 
“…no conciben un modelo territorial que no rodee la Puerta del Sol, pero además han sido capaces de generar un proyecto de Estado que aglutine a los que ellos llaman la periferia que cada vez más, es aquello más allá de la M-30”.
 
Estas elites abusan da xente  e mesmo traizoan á propia cidadanía do Estado, como ten escrito recentemente Paul Preston, mais foron quen a partillar cosmovisión con sectores populares previamente encirrados contra os soberanismos catalán, vasco, valenciano ou galego, os sectores do “a por ellos” que son os que máis sofren do absurdo deste Estado dominado por esas elites extractivas  do palco do Bernabeu. Mais este consenso entre moitos do de embaixo cos de enriba só é posíbel por que España non construiu ao longo da historia unha convivencia democrática de cidadáns, senón un Imperio de súbditos.
 
Se a esquerda española entendese que a chave do progreso económico, da liberdade e da xustiza social pasa pola reformulación dos Poderes políticos e económicos do Estado en chave federal ou confederal (e sempre plurinacional) habería unha oportunidade para esa transformación. Mais, despois do camiño que adoptou o PSOE despois do discurso real do 3-Ou, despois do seu apoio ao 155 e da súa defensa da irresponsabilidade e corrupción monárquicas, os soberanistas periféricos temos dereito a ser desconfiados.
 
Estou con Iñaki Anasagasti cando di que España estará máis perto dunha reorganización en chave federal e plurinacional que viabilice mesmo a súa economía e a súa débeda se Catalunya acada de vez a súa independencia. Porque, como dixo o político do PNV “…si el 20% del PIB estatal desaparece España tendrá que cambiar de modelo de gestión, si o si”.

Monarquía versus República.
Monarquía versus República.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.