Empezan os contactos Xunta-Estado para tratar de chegar a un "acordo" sobre a lei de saúde galega

O vicepresidente primeiro espera que se diriman as dúbidas sobre a normativa para contar con este instrumento despois do estado de alarma

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/04/2021 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou que este mesmo luns empezan os contactos, de carácter técnico, entre os Gobernos central e autonómico para abordar as diferenzas sobre a lei de saúde galega para a que o Estado decidiu presentar un recurso de inconstitucionalidade co fin de paralizar determinados preceptos.

En declaracións aos medios este luns, Rueda, que confía en chegar a un "acordo", ratificou que, despois da conversación telefónica a pasada semana co ministro Miquel Iceta, agora comezan os contactos de carácter técnico antes de convocar formalmente a comisión mixta bilateral Xunta-Estado para iniciar a negociación sobre o "fondo" da lei.

O vicepresidente primeiro remarcou que a lei galega, que se tramitou a través dunha proposición lexislativa do PPdeG, elaborouse "de acordo" coa opinión non só do Goberno, senón dos técnicos xurídicos da Xunta e "de acordo" cos "marcos constitucionais" para "ter unha seguridade xurídica á hora de actuar".

CONSELLO DE ESTADO

O Goberno central anunciou e confirmou presentar un recurso de constitucionalidade tras recibir o informe do Consello de Estado encargado polo Consello de Ministros, o cal é preceptivo pero non vinculante. Nese informe o órgano consultivo avalaba a presentación do recurso en canto ao apartado cinco da lei de saúde --na que se definen actuacións concretas como a obrigación de vacinación--, pero tamén suxire ao Estado a necesidade de elaborar unha lei orgánica que atenda as necesidades da xestión da pandemia.

"O Consello de Estado non dixo que a normativa fose anticonstitucional, senón que o que dixo é que para que puidese haber normativas autonómicas, o que tiña que facer o Estado é unha normativa xeral. Esperemos que o faga", declarou Rueda este luns, tras o que confiou en que poida "haber un acordo".

Así, remarcou que "o único" que desexa é que "non teñan que afrontar" o escenario do levantamento do estado de alarma o 9 de maio, anunciado polo presidente Pedro Sánchez, "sen ningunha seguridade xurídica". "E para iso temos a nosa lei", resolveu.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, no pleno. CONCHI PAZ
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, no pleno. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta