Feijóo afirma que o PP está "disposto a falar" co PSOE sobre unha moción de censura en Ourense

Villarino critica ao PP por "poñer un novo pretexto" para non negociar a moción de censura.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/04/2021 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, entende que o partido en Ourense "está disposto a falar" co grupo municipal do PSOE se a proposta do seu portavoz, Rafa Villarino, é "apartarse de verdade" e "en serio" para facilitar a presentación dunha moción de censura contra o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome.

O presidente Alberto Núñez Feijóo, no Consello de Xunta
O presidente Alberto Núñez Feijóo, no Consello de Xunta | Fonte: Ana Varela - Xunta de Galicia.

En concreto, o socialista Villarino, quen á súa vez é o secretario provincial do partido, anunciou este luns que renunciaba a ser candidato á Alcaldía despois de que os populares o vetasen ante un eventual movemento para desbancar a Jácome, de Democracia Ourensana (D.O.).

O titular da Xunta instou o líder do PSOE de Ourense a aclarar "en que consiste a proposta" e se esta é "fiable". "Se apartarse significa gobernar por persoa interposta, isto non é apartarse. Se significa apartarse de verdade e deixar o grupo municipal socialista en liberdade absoluta e autonomía para falar co PP, entendo que o PP de Ourense está disposto a falar se isto vén en serio", expresou.

En calquera caso, Feijóo lembrou que "hai dous anos, cando se constituíron as corporacións" locais en 2019, a proposta dos populares era "moi sinxela": "Que a Alcaldía de Ourense gobernase a lista máis votada (PSOE) e que a Deputación de Ourense puidese gobernar a lista máis votada (PP)". Con todo, os socialistas dixeron "que non". "Sorprendeunos moito, pero esa foi a proposta", recoñeceu o presidente da Xunta este martes.

Ademais, o líder do PPdeG afeou a Villarino que, cando "hai uns meses" falou cos populares sobre "a posibilidade" de desbancar a Jácome do Concello, "a súa resposta foi tentar unha moción de censura na Deputación" contra Baltar.

Por iso mesmo, Feijóo preguntou ao socialista se a intención de apartarse é "en serio", aínda que insistiu que "a maior concreción" sobre este asunto "corresponde aos compañeiros do PP de Ourense".

VILLARINO

Pola súa banda, Rafael Rodríguez Villarino, afeou ao PP que "invente un novo pretexto" para "non pór a firma" na moción de censura para apartar a Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá) da Alcaldía. "É inaudito que teña que renunciar. Eu non teño que pedir perdón por gañar as eleccións", dixo Villarino, para engadir que non será "o pretexto para que isto siga así".

Pola súa banda, o líder dos populares ourensáns, Manuel Baltar, defendeu este luns que a súa formación non se fía de Villarino porque as súas palabras "non valen nada".

De feito, trasladou "a súa defensa" e "máximo respecto" polas decisións que tome calquera formación política, pero subliñou que desde o Partido Popular "non" se fían pola súa "tremenda falta de credibilidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta