Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2021 | Actualizada ás 13:55
A ruta 'Valle-Inclán Rosa mística de pedra' profundará na estecha relación que mantivo o escritor galego coa cidade de Compostela, para o que se centrará en 22 espazos "descubertos e inmortalizados por Valel" entre finais do século XIX e principios do XX.
A ruta foi presentada este mércores pola concelleira de Acción Cultural do concello de Santiago, Mercedes Rosón; o investigador e neto do literato, Xaquín Valle-Inclán; o director do museo de Valle-Inclán, Antonio González Milleiro; e Pilar Sampedro, da directiva do Ateneo de Santiago.
Tal e como explicou Rosón, a ruta "recolle a enorme pegada deixada por Valle en Compostela", da que se escolleron 22 espazos --algúns deles variaron respecto da edición de 2016, como o Café Derby, actualmente pechado-- que supoñen "unha inspiradora viaxe ao pasado".
O percorrido comeza na Alameda, á beira do monumento ao literato, e pasa por lugares "tan representativos do centro histórico de Santiago" como o Teatro Principal, a Capela da Corticela, a Praza da Quintana ou o Convento de Belvís, para terminar na tumba do escritor, no cemiterio de Boisaca.
Ademais, no folleto informativo os visitantes poderán atopar unha selección de 22 fragmentos literarios --un por lugar-- nos que Valle-Inclán retrata a cidade, así como fotografías --algunhas delas inéditas, do arquivo persoal do neto do escritor-- que ilustran o paso do literato por Compostela.
"Atopamos, por exemplo, a primeira caricatura do escritor e outras tantas imaxes nunca vistas ata o momento. Os visitantes non só gozarán da ruta, senón que tamén descubrirán aspectos novos de Valle-Inclán", sinalou Rosón.
PROXECTO DIVULGATIVO E DINAMIZADOR
A concelleira, que adiantou as rutas comezarán a programarse pronto, "segundo a evolución da covid-19" e "aplicando todos os protocolos sanitarios necesarios", destacou o "enorme valor divulgativo da traxectoria do escritor galego máis universal e cosmopolita", e cualificou o percorrido como un gran exemplo de "proxecto dinamizador do centro histórico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.