Un 'booktoker' galego sobre a situación da literatura na nosa lingua: "Está a haber unha explosión de contido marabillosa"

David crea contido sobre recomendacións literarias na súa conta de Tik Tok e faino en galego, consciente de que "o feito de que calquera persoa, pero especialmente os rapaces, poida ver o contido que lle gusta en galego con total normalidade é moi importante".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 26/01/2025 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

A literatura en lingua galega é un ben tan prezado coma escaso... Ou non? Pois o certo é que, lonxe do que poderiamos imaxinar, o mundo dos libros en galego estase consolidando con forza nos últimos anos, cunha gran variedade de títulos internacionais traducidos ao noso idioma e tamén con novos autores que apostan por escribir directamente en galego. Disto falamos dende o Galicia Confidencial con David, un galego que decidiu o pasado verán crear unha conta de Tik Tok (@dass_slayer) adicada ás recomendacións literarias e que xa ten un espazo destacado entre os nosos creadores de contido favoritos. Aproveitando a súa paixón pola lectura, á que lle dedica entre dúas e tres horas cada noite antes de deitarse, pensou en compartir coas redes as súas opinións sobre cada título que vai lendo, tanto de ficción como, sobre todo, de non ficción. O mellor de todo? Faino en galego!

David, o 'booktoker' que ensalza o galego nas súas recomendacións en redes sociais
David, o 'booktoker' que ensalza o galego nas súas recomendacións en redes sociais | Fonte: Cedida

"Para min a literatura é moi importante, pero si que é certo que cando falamos de literatura tendemos a pensar máis na ficción, e a verdade e que eu atopei o meu eido na non ficción, nos libros que falan sobre acontecementos actuais ou sobre problemáticas como guerras ou cambios nun país, por exemplo, porque me gusta sempre informarme ao respecto e investigar sobre cada tema", conta David, que asegura que pasa moito tempo na biblioteca buscando novos libros que lle resulten atractivos e interesantes. Pois explica que "moitas veces vou axustando o que vou lendo á actualidade", por exemplo, "en outubro viaxei a Bosnia e decidín ler un libro sobre a antiga Iugoslavia para informame da situación política da zona e, cando rematei o libro, aproveitei que estaba alí para falar nun vídeo, polo que quedou moito máis auténtico". Aínda que este é o seu xénero favorito, David le e comparte en redes todo tipo de libros, tamén de ficción, novelas gráficas e mesmo poesía.

Así, conta xa cunha comunidade de lectores moi chula, onde el recomenda e tamén recibe recomendacións dos seus seguidores. "Sempre poño hashtags aos vídeos que subo para facilitar á xente o localizarme, mesmo a aquela que non forma parte desta comunidade, de maneira que hai temas dos libros que lle poden interesar á xente que os está buscando activamente en Tik Tok e, ao final, gústalles o meu contido e rematan quedándose, o que fai medrar un pouquiño máis a comunidade co paso do tempo", explica. Ademais, este galego conta co don da palabra, pois sabe explicarse á perfección diante dunha cámara, algo que tampouco calquera pode facer. Pese a iso, confesa que "no que respecta á miña personalidade, son algo introvertido, pero ao final como no meu traballo tamén fago bastantes reunións nas que teño que falar diante da xente, custoume menos falar á cámara cando comecei coa creación da contido".

LITERATURA EN GALEGO

Unha das cousas que máis nos gustou da canle de David é que está integramente en galego. Este creador de contido apostou polo noso idioma, o que el fala normalmente, para realizar os seus vídeos, independentemente de se fala dun libro en castelán ou en galego. Ao preguntarlle como tomou esta decisión, sabendo que as redes sociais aínda prexudican os contidos en linguas minorizadas, avoga por lograr "unha normalización da nosa lingua, tamén nas redes, porque é moi importante poder vivir en galego, ir ao médico e que che fale, ou como mínimo, que che entenda en galego, que na escola se lles fale en galego aos cativos e que tamén haxa galego no lecer, porque esa é unha chave de entrada moi importante en todas as idades, pero, sobre todo, na rapazada". David considera que "o feito de que poidan ver o contido que lles gusta en galego con total normalidade, xa sexa sobre libros, videoxogos ou cine, é moi importante". "O galego é o que é, unha lingua, e como tal, temos dereito a poder consumir contido na nosa propia lingua como o teñen en calquera outra, mesmo sen ter que buscalo activamente", reivindica, consciente de que, "lamentablemente, por desgraza, non é así, só hai que ver as taxas altísimas que temos de desgaleguización".

Imaxe de arquivo de libros
Imaxe de arquivo de libros | Fonte: iStock - Arquivo

No tocante á literatura en lingua galega, amósase esperanzado, porque asegura que "están xurdindo moitos novos autores e autoras que están apostando por escribir directamente en galego as súas obras", tanto de ficción coma de non ficción e mesmo poesía. "Estamos a ver unha explosión de contido na nosa lingua que é marabillosa", celebra David. Ademais, a isto súmase toda a tradución ao noso idioma que hai de obras clásicas. "Hai moitos clásicos atemporais doutros países que, de comezo, non pensas que poidan estar traducidos á nosa lingua, partindo desa base de que é unha lingua minorizada, pero si que o están", gábase David, que conta que "no Arquivo de Galicia, en Compostela, teñen unha exposición moi boa sobre obras de ficción na que atopei títulos que non pensei nunca que podían estar traducidos ao galego, como obras de Allan Poe ou Lovecraft". "Iso xa é un indicativo de que podemos consumir case calquera contido clásico en galego, grazas tamén ao esforzo que están facendo moitas editoriais coma Rinoceronte".

RECOMENDACIÓNS

- 'A Pugna pola orde internacional': "É do equipo Descifrando La Guerra, que fai moi boas análises xeopolíticas e, neste libro en concreto, tratan sobre as diferentes potencias que hai agora no mundo e o papel que teñen e que terán no futuro, polo que pode vir moi ben para coñecer a realidade xeopolítica do mundo actual".

- 'Herba', de Keum Suk Gendry-Kim: "É unha novela gráfica dunha autora coreana que fala de como durante a invasión xaponesa de Corea, antes e durante a Segunda Guerra Mundial, certas mulleres foron obrigadas a ser escravas sexuais dos soldados xaponeses. Aínda que trate un tema moi duro, penso que pode abrir unha porta a coñecer un episodio dentro da Historia que non se coñece tanto".

- '1984', de George Orwell: "A clásica obra de George Orwell que, aínda que indirectamente ten que ver coa política, non deixa de ser tamén unha obra de ficción, obra que ademais temos na nosa lingua, o cal se debe poñer en valor. Aínda que é un libro coñecido por moita xente, non hai tanta que o lese enteiro, e a verdade é que é moi entretido e faiche pensar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta