Caballero presume de Vigo ante o mundo enteiro en Fitur: "Queremos ver á xente que nos visita tan feliz como son os vigueses"

"Poderiamos facer o Nadal só para nós, para a xente de Vigo, pero como vamos privar ao mundo de que viva isto? Que todo o mundo poida ver a felicidade dunha familia e o brillo nos seus ollos cando están aquí e viven isto non ten prezo", proclamou o rexedor vigués.

Por Ángela Precedo | VIGO | 23/01/2025 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

Ser de Vigo non é un DNI, é un sentimento. Sentimento que non só experimentan os propios vigueses, senón tamén todas aquelas persoas que chegan por primeira vez ao concello e quedan prendados del a primeira vista. O propio alcalde, Abel Caballero, así o asegurou este xoves na Feira Internacional de Turismo Fitur, onde a cidade presentou unha oferta turística envexable: praias, música festas, natureza, xente, cultura e, como non, o alumeado de Nadal, entre moitos outros atractivos. Despois de marcar outro Nadal de récord, con cifras de escándalo, a urbe coñecida internacionalmente polos seus 11 millóns de luces LED e o seu carismático alcalde, conquistou ao público da feira no stand de Turespaña. Respaldando ao rexedor, tamén estiveron o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o subdelegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

Abel Caballero presenta a campaña turística de Fitur 2025 en Madrid
Abel Caballero presenta a campaña turística de Fitur 2025 en Madrid | Fonte: Concello de Vigo

"Que ten Vigo? Vigo ten a cultura da tranquilidade, do sosego e da felicidade", proclamou Caballero, que tamén afirmou que "Vigo xera unha cultura coa xente que nos visita, que pasa por alí e que vén ao Nadal, ao verán ou a calquera evento que teñamos, mesmo a facer negocio e a tratar coas fábricas que temos". Pero o alcalde deixou ben claro que non quere que isto sexa algo pasaxeiro, senón que o obxectivo a lograr (algo que xa está acontecendo) é que "a xente que vén á cidade repita, porque en Vigo queremos a todo o mundo, porque a nosa forma de xer é cosmopolita universal". Tanto é así que, a pesar de que a globalización no mundo que hoxe coñecemos xurdiu hai cousa de 40 anos, en Vigo sorprendeu cando chegou, pois xa levaban sendo cosmopolitas dende fai moitos anos aínda sen sabelo: "Percorriamos todos os mares e aquí chegaba xente de todo o mundo. Esa foi e é a nosa cultura, a do aprezo á xente que nos visita, e iso é seguramente o máis excepcional que temos na cidade".

Caballero non esquece en ningún momento que, en realidade, canta máis xente visite Vigo, mellor irá a economía da cidade. "A visita de tanta xente tradúcese nunha economía poderosísima, e estamos a falar de centos e centos de millóns de euros", apuntou, para remarcar que, máis aló dos cartos, "o que realmente queremos é ver á xente que nos visita sendo tan feliz como o é a xente de Vigo, porque en Vigo somos felices e queremos que os demais compartan a nosa felicidade, a felicidade da nosa cidade, das cousas que van acontecendo nela". E, sabedor de que o máis demandado no mundo enteiro é o Nadal, Caballero afirmou gozoso: "Poderiamos facer o Nadal só para nós, para a xente de Vigo, pero como vamos privar ao mundo de que viva isto? Que todo o mundo poida ver a felicidade dunha familia e o brillo nos seus ollos cando están aquí e viven isto non ten prezo". Deste xeito, o rexedor olívico gávase de que "somos quen, entre todos, de facer que a xente que nos visita viva a cidade co orgullo de que son dela tamén". 

Outra das cousas que puxo en valor da cidade é o afecto e agarimo da súa xente cara os visitantes, porque "que alguén che diga cando chega a Vigo que a súa felicidade é total e que quere volver o ano seguinte si é un proxecto e unha realidade única: a realidade do afecto", pois reivindica que "somos seres humanos e, como tal, vivimos de afectos". Máis aló do Nadal, e falando de afectos, pon como exemplo o caso dun neno que durante as festas do Marisquiño poida competir contra un medalla de prata nas Olimpíadas; ou o dunha persoa que pode gozar de ver a Maná en Castrelos, un concerto que nunca antes dera o grupo. A todo isto Caballero suma a realidade gastronómica única que ten tamén a cidade. En resumo, son moitos os motivos non só para visitar Vigo, senón para volver. "Esa sensación de felicidade compartida" que tanto gusta aos vigueses e, especialmente, ao seu alcalde. Despois dun descurso que encheu de ledicia a todos os presentes, Caballero rematou cunha das súas icónicas frases: "O único que lamento é que o alcalde de Nova York non veña a Vigo, se vén a Vigo, sería tan feliz que, ao volver a Nova York, pediríame a irmandade".

Nunha gala presentada polos xornalistas Paula Montes (Cadena Ser) e Luís García González ('El Desmarque', de Mediaset), tamén tiveron cabida o alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que puxeron en valor a sorte de ter a Vigo como concello irmá, sendo os tres unha única unidade litoral que se apoia e que se nutre mutuamente a nivel turístico, social e cultural. "A Vigo e a Redondela únenos a senda verde e tamén a ría, a illa de San Simón e tamén as festas, como a do Choco ou a da Coca", destacou Digna Rivas. Pola súa banda, Juan González Pérez asegurou que "Nigrán ten algo mellor que Vigo, aínda que lle doa a Abel Caballero, e é que ten como cidade veciña á mellor cidade do mundo, Vigo, e iso para nós significa moitísimo".

Abel Caballero presenta a campaña turística de Fitur 2025 en Madrid
Abel Caballero presenta a campaña turística de Fitur 2025 en Madrid | Fonte: Concello de Vigo

Abel Caballero presenta a campaña turística de Fitur 2025 en Madrid
Abel Caballero presenta a campaña turística de Fitur 2025 en Madrid | Fonte: Concello de Vigo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta