Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2025 | Actualizada ás 18:22
A Consellería de Sanidade fixo público este xoves un informe que apunta a un cambio de tendencia na onda de gripe, pero "con cautela". E é que, aínda que as taxas de consulta en atención primaria, os ingresos e as vendas nas farmacias descenderon na última semana entre a poboación xeral, subiron entre os nenos e adolescentes ata 19 anos.
En concreto, a Dirección Xeral de Saúde Pública desvelou os datos referida á semana 3 do ano, do luns 13 ao domingo 19 de xaneiro. Neste sentido, o modelo predictivo da Consellería estima que os datos poderían seguir descendendo nos próximos 15 días, pero o feito de que entre os pacientes pediátricos non se reproduciu esta baixada fai pensar que podería repuntar no resto de grupos de idade.
Ademais, a positividade nas mostras do virus do tipo A, que adoita afectar máis frecuentemente aos máis maiores, "fai necesario interpretar esta predición con cautela e permanecer expectantes" á evolución da actividade gripal en próximas datas.
A intensidade da onda de gripe continúa "baixa" e a súa difusión é "estendida", pero a tendencia, que ata o momento era ascendente, cambiou a "estable" na terceira semana do ano.
CONSULTAS EN ATENCIÓN PRIMARIA
No caso das consultas en atención primaria, o número de casos de gripe por cada médico foi inferior á semana inmediatamente anterior. Así, a taxa descendeu un 13%, ata as 63,7 consultas por cada 100.000 habitantes.
Aínda que esta tendencia é entre a poboación xeral, observouse un cambio nos máis novos. Entre os 0 e os 4 anos, as visitas ao médico creceron de 90,3 a 98,1 por cada 100.000, mentres que entre os 5 e os 19 subiron notablemente, de 68,7 a 101,1 por cada 100.000.
Por áreas sanitarias, este parámentro caeu en todas elas menos en Ferrol, onde subiu lixeiramente a 47,4 consultas por cada 100.000 habitantes, aínda que se mantén como a máis baixa. A área de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras continúa como a da incidencia máis alta con 85,1 consultas por cada 100.000 habitantes.
INGRESOS CON GRIPE
No que respecta aos ingresos con gripe confirmada, na semana 3 do ano descenderon un 26% ao sumar 125 hospitalizacións, o que implica unha taxa de 4,6 por cada 100.000 habitantes entre toda a poboación. Pero, de novo, a tendencia é a contraria entre os máis pequenos, xa que en nenos de 0 a 4 anos esta taxa creceu de 2,6 a 3,9.
A caída é xeneralizada nas áreas sanitarias fóra de dúas, aínda que os hospitalizados só creceron unhas décimas: 7,1 ingresos por cada 100.000 na área de Lugo-A Mariña-Monforte (+0,6) e 5,5 na de Pontevedra-O Salnés (+0,3). A taxa máis alta mantena a de Ourense a pesar de baixar un punto, a 9,2 por cada 100.000.
No que vai de tempada, o Sergas rexistrou 634 hospitalizacións con gripe confirmada, das cales a gran maioría (424) foron do virus de tipo A.
SEGUEN Á BAIXA AS VENDAS EN FARMACIAS
Igualmente, as dispensacións nas farmacias diminuíron entre os días 13 e 19 de xaneiro, polo que acumulan xa dúas semanas consecutivas de descenso. En concreto, vendéronse 989 antigripais --421 menos que a semana anterior-- e 488 test de antíxenos --273 menos--.
En canto á positividad das probas realizadas polo sistema sanitario, entre a gripe A creceu ao redor de dous puntos, ata o 12,3%, un dos factores que fai que a Consellería de Sanidade apele á "cautela". Iso si, a positividade para o virus do tipo B é só do 6,6%.
O informe de Saúde Pública tamén recolle datos da incidencia de covid-19 e do virus respiratorio sincitial (VRS) en menores de 2 anos, que se manteñen en niveis moi baixos e con tendencia á baixa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.