Fortes precipitacións en moi pouco tempo: o cambio climático está mudando a forma de chover en Galicia?

Por que acontece isto? É causa do cambio climático? Seguirá pasando no futuro? Está cambiando o clima típico de Galicia? Dende o Galicia Confidencial facemos todas estas cuestións ao presidente da Asociación Española de Climatoloxía e investigador na USC, Alberto Martí Ezpeleta, que nos explica cales son as evidencias actuais.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/01/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Poucos días de choiva e precipitacións que se concentran de maneira moi intensa nun curto espazo de tempo. Iso é o que estamos a ver este inverno en Galicia. A todos se nos vén facilmente á cabeza algún episodio de inundacións en vilas e cidades, encharcamentos de estradas ou desbordamentos de ríos nos últimos meses. Sucesos que acontecen en cuestión de horas e que, igual de rápido que chegan, se van. E é que cada vez que se anuncia no tempo que se aproxima choiva, semella que sempre chega con ela unha situación de alerta que pon a Comunidade patas arriba. Por que acontece isto? É causa do cambio climático? Seguirá pasando no futuro? Está cambiando o clima típico de Galicia? Dende o Galicia Confidencial facemos todas estas cuestións ao presidente da Asociación Española de Climatoloxía e investigador na Universidade de Santiago (USC), Alberto Martí Ezpeleta, que nos explica cales son as evidencias actuais.

Paso dun temporal de vento e choiva pola costa galega
Paso dun temporal de vento e choiva pola costa galega | Fonte: CARLOS CASTRO - Arquivo

Como apunta, "o inverno é todos os anos a estación máis chuviosa en Galicia, con moita diferenza con respecto a outras estacións". Sen embargo, "hai invernos atípicos nos que a precipitación é moito maior que os valores medios de choivas rexistrados historicamente, como aconteceu no inverno do 2000-2001, no que comezou chovendo no mes de outubro e rematou en marzo, chovendo durante moitos días de maneira continuada e con cantidades moi elevadas de precipitacións, o que fixo que ese fose o inverno máis chuvioso desde que se tiñan rexistros en lugares como Santiago, Lugo ou Pontevedra". Pero, "tamén tivemos invernos nos que as precipitacións quedaron moi por debaixo da media, sendo máis ben secos, e invernos que estiveron preto ou na media". É por iso que Martí Ezpeleta apunta que, "cando falamos de clima, xa sexa mediterráneo ou, sobre todo, atlántico ou oceánico, as precipitacións experimentan unha gran variabilidade interanual", con "importantes irregularidades nas choivas duns anos a outros e duns invernos a outros" e "iso entra dentro da normalidade dos climas temperados coma o noso".

Pero, que é o que está acontecendo na actualidade? Como explica o investigador, "actualmente, co cambio climático, hai modelos que xa apuntan a que esa variabilidade nas precipitacións está aumentando", ao que habería que sumar a posibilidade da que falamos de que a maneira de chover "podería estar mudando algo". Agora ben, tal e como puntualiza, "a diferenza do que acontece coas temperaturas, nas que si se observan tendencias claras de aumento en todas as estacións e practicamente en case todo o mundo, os modelos que predín a 10, 20 ou 50 anos vista o que podería acontecer como consecuencia do cambio climático no caso das precipitacións son moito menos fiables, presentando maior incerteza que no caso das temperaturas". Así, asegura que "o comportamento das precipitacións tanto no pasado como, sobre todo, de cara ao futuro, presenta unha grande incerteza", de tal maneira que "hai modelos que predín que as precipitacións en Galicia irán diminuíndo en volume total e en número de días de precipitación, pero que irán aumentando as choivas máis intensas".

Xunto a estes, "outros modelos predín que isto variará en función das estacións, habendo algúns que apuntan a un aumento das precipitacións cara finais do outono e, sobre todo, no inverno". Sexa como sexa, segundo o investigador, "no que semella que coinciden máis modelos ou observatorios é no descenso das choivas no verán", de maneira que, "aínda dentro da incerteza, niso de que os verán están sendo cada vez máis secos e con períodos de secas prolongadas máis intensos si semella que hai unha evidencia un pouquiño máis clara". Deste xeito, para Martí Ezpeleta, "a forma de chover podería estar cambiando precisamente por iso, porque descenden o número de días de precipitacións mentres aumentan os episodios de choivas torrenciais, máis propias da zona mediterránea", pero aclara que "hai que tomar estas afirmacións sempre con precaución, por esa incerteza elevada que presenta sempre o comportamento das precipitacións".

INCERTEZA NA PREDICIÓN DAS CHOIVAS QUE COMPLICA A TOMA DE MEDIDAS?

Inundacións durante o paso da borrasca Aline, a 19 de outubro de 2023, en Vigo
Inundacións durante o paso da borrasca Aline, a 19 de outubro de 2023, en Vigo | Fonte: Javier Vázquez - Arquivo

Aínda que precisamente pola elevada incerteza que existe sempre sobre o comportamento das precipitacións en climas temperados como o galego a adopción de medidas para facer fronte a eses novos episodios de choivas torrenciais podería resultar unha tarefa máis complicada, para o presidente da Asociación Española de Climatoloxía, "ante a dúbida, hai que actuar". Iso é algo que "levamos anos dicindo con respecto ao cambio climático, sobre todo no tocante ao aumento das temperaturas cando aínda había incerteza sobre este, incerteza que a día de hoxe xa non existe, porque está moi claro que as temperaturas están aumentando". Neses tempos de dúbidas, "xa o Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) dicía que ante a incerteza do que poida pasar, sexa o quencemento maior ou menor, sexa provocado polo ser humano ou sexa natural, hai que comezar a actuar xa".

Agora, no caso das precipitacións, tamén é o momento de "actuar xa para adaptarnos a eses novos episodios que entran dentro da normalidade, pero que, co cambio climático, semella que poderían estar aumentando: episodios de precipitacións máis torrenciais e, sobre todo, episodios máis secos e con menor cantidade ou ausencia total de choivas, especialmente durante o verán, aínda que en Galicia tamén teñen acontecido no outono e tamén se teñen rexistrado nalgúns invernos". "Temos que comezar xa a tomar medidas de adaptación a eses extremos", advirte Martí Ezpeleta, que lembra os episodios de choivas case torrenciais acontecidos hai cousa dunhas semanas (e tamén en ocasións anteriores neste último inverno) máis típicas da zona mediterránea. "No clima mediterráneo están máis acostumados a ter precipitacións torrenciais con frecuencia, pero no clima atlántico ou oceánico sempre se dixo que as choivas son moderadas e mellor repartidas, pero agora semella que tamén imos cara episodios torrenciais e de ausencia de precipitacións", plantexa.

CAMBIOS NO PATRÓN DA CIRCULACIÓN XERAL ATMOSFÉRICA A NIVEL GLOBAL

Por outra banda, o investigador afirma que "nas últimas dúas décadas tense observado que tamén está mudando o patrón da circulación xeral atmosférica e, sobre todo no caso do Atlántico e da Europa Atlántica, onde ese patrón está provocando que cada vez máis se produza o que se coñece como descolgues de aire frío procedente das zonas máis septentrionais, das zonas polares do hemisferio norte". "Esa ondulación do forro polar fai que cada vez máis esas masas de aire frío e húmido descendan cara o sur, provocando a entrada de borrascas moi intensas e profundas, ás veces en forma de cicloxénese explosiva, que son precisamente as que causan a maior cantidade de precipitacións e eses episodios de choivas cuantiosas e máis intensas", explica. Ademais, Martí Ezpeleta tamén chama a atención sobre a contribución que sobre estes fenómenos ten a elevación da temperatura do Océano Atlántico, sobre todo na zona do Atlántico Norte. "Acontece algo semellante ao que pasa no Mediterráneo coas DINAs: o aumento da temperatura do Mar Mediterráneo é a gasolina que alimenta as depresións illadas en altura, provocando eses episodios de precipitación torrencial".

No Atlántico agora tamén ese aumento da temperatura do océano "está provocando máis humidade no aire e unha maior carga de vapor de auga que logo ten como resultado precipitacións máis abundantes e cuantiosas, algunhas delas mesmo torrenciais". Así as cousas, para o presidente da Asociación Española de Climatoloxía, "semella evidente que se está producindo un cambio nos patróns da circulación xeral atmosférica no Atlántico que, aínda que collendo a cousa con precaución, podería ser o que está provocando ese aumento potencial de eventos de precipitación máis intensos e severos en forma de choivas ou nevadas, pero sobre todo de choivas". Ademais, apunta a que "eses ríos de humidade ás veces conlevan trens de borrascas, é dicir, a chegada dunha borrasca detrás de outra, alimentadas por esa maior humidade e por esa maior cantidade de vapor de auga derivado do aumento da temperatura do Atlántico". Isto tamén é, segundo explica, a causa da chegada en maior medida de "furacáns que tradicionalmente tiñan que marchar cara a zona do Caribe e agora mudan a súa traxectoria e diríxense máis cara o norte, cara latitudes máis septentrionais ou mesmo cara Europa, aproveitándose desas augas máis cálidas sobre todo durante o outono, e chegando a terra practicamente en forma de furacán e outros en forma de ciclón extratropical". En Galicia podemos lembrar a chegada de Kirk no mes de outubro.

PODEMOS ESTAR ANTE UN CAMBIO NO MODELO CLIMÁTICO DE GALICIA?

Así as cousas, podería ser que o modelo climático galego que todos coñecemos con características do clima atlántico estea mudando? O investigador non ten ningunha dúbida: "Por suposto que está mudando, sobre todo no tocante ás temperaturas". "Os climas que coñecimos fai unhas poucas décadas xa están mudando, xa notamos que se produciron cambios importantes nas series climáticas e, ademais, máis rápidos do que esperabamos, pois non imaxinabamos esta rapidez fai 15 ou 20 anos, cando comezabamos a ver que era o que podía acontecer no futuro ou como estaban esas tendencia de aumento ou disminución en relación ás temperaturas ou precipitacións", apunta. "Especialmente no caso das temperaturas, a velocidade de cambio está sendo moito máis rápida do que agardabamos os investigadores hai cousa de 20 anos", advirte Martí Ezpeleta.

Como explica, "o mosaico climático de todo o planeta, dende os climas tropicais ata os polares pasando polos temperados, foi mudando ao longo dos miles de anos que ten a Terra, e os climas nunca foron os mesmos", se ben, "eses cambios no pasado producíronse de maneira lenta e paulatina, o que permitía que os animais e a vexetación se fosen adaptando pouco a pouco a eles". Pola contra, o presidente da Asociación Española de Climatoloxía lamenta que "na actualidade eses patróns están mudando e van seguir mudando de maneira acelerada se non levamos a cabo unha mitigación do quencemento global". Mitigación, por outra banda, sobre a que asegura que tanto el como os seus compañeiros doutras especialidades (dende físicos ata xeógrafos, biólogos, químicos...) "somos bastante pesimistas, polo que puidemos ver na historia recente dos cumios climáticos e, sobre todo, vendo que moitos dos líderes mundiais, no canto de estar apoiando esa mitigación, están facendo xusto o contrario".

ADAPTARSE OU MORRER

Neste contexto, para Martí Ezpeleta, "o que nos queda é a adaptación". E é que, aínda que asegura que "hai que intentar seguir adoptando medidas de mitigación, reducindo a emisión de gases de efecto invernadoiro e aumentando as renovables para poder reducir o quencemento global, principal causante do cambio climático, realmente temos que poñer en marcha xa procesos de adaptación a eses cambios que xa nos están chegando e que nos seguirán chegando aínda máis no futuro próximo e non moi lonxano". E tanto no tocante ás medidas como no tocante á adaptación, o investigador considera que "imos un pouquiño lentos", polo que "quizáis habería que acelerar un pouco o ritmo desas adaptacións", xa que "con maior ou menor incertidume, sabemos o que vai acontecer, e canto antes nos adaptemos a iso, menores serán os riscos, os efectos negativos, as perdas económicas, as perdas humanas e os danos materiais". "Canto antes e máis rapidamente nos adaptemos, mellor", asevera. Se vai haber que facelo de todos os xeitos, por que deixar para mañá o que podemos facer hoxe?

Imaxe de arquivo da inundación dunha estrada en Galicia
Imaxe de arquivo da inundación dunha estrada en Galicia | Fonte: Javier Vázquez - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta