Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/01/2025 | Actualizada ás 15:38
Altri si, Altri non. A instalación dunha megapapeleira en Palas de Reis estase convertendo nun crebacabezas para o Goberno galego. Logo de anunciar a conselleira de Medio Ambiente que o informe ambiental que pode, ou non, autorizar a súa intalación en terras galegas ía estar a finais do pasado mes, o certo é que, a día de hoxe, o propio presidente da Xunta non pon datas para a presentación dese documento.
"Estamos na fase final desa avaliación. Non lle vou meter présa aos técnicos. Necesitamos documentación alternativa, que a empresa ten o deber de dala, para decir se se pode ou non instalar", indicaba Alfonso Rueda este luns no Consello da Xunta."Vamos cos datos e coa velocidade e ritmo necesario", apuntaba tras ser preguntado sobre a existencia de problemas na aprobación de certas avaliacións ambientais. "Non teño constancia de problemas...Estamos na fase final. Escoitamos aos técnicos", aseveraba.
SEN "PRÉSA" PARA OS TÉCNICOS
O presidente galego insistíu ata en tres ocasión que "non lle vai meter présa" aos técnicos. Os técnicos está servindo coma un comodín para os distintos dirixentes da Xunta á hora de avaliar este proxecto. E sobre se é consciente de problemas na tramitación de determinados informes para a avaliación de impacto ambiental, o presidente era contundente: "Dime que ocupe o lugar dos técnicos e iso non o vou facer", respondía aos xornalistas.
"Hai informes rematados e outros na fase final pero a resolución final precisa de distintas avaliacións desde distintos puntos de vista", argumentaba. "Non teño na cabeza os informes necesarios e os que non. Son cousa dos técnicos", volvía repetir.
Ao mesmo tempo que Rueda despachaba co seu goberno, o deputado do BNG, Luís Bará, denunciaba que a Xunta "bordea a prevaricación" na tramitación dos informes de Altri. "Merecen pouca credibilidade as acusacións que fai alegremente este deputado que o que está facendo é oposicion", respondía. E é que o presidente da Xunta acusou ao Bloque de tentar facer "política" con esta cuestión. "É curioso que este grupo político que dicía que estabamos agochados diga agora que o rimo dos informes non é o adecuado", chanceaba.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.