Por Galicia Confidencial | Arzúa | 24/01/2025 | Actualizada ás 19:30
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa deseñou un programa para os primeiros meses de ano baixo o título de Encontros culturais de inverno que pretende ser un lugar de encontro para as noitiñas de inverno con cine, música, literatura e actividades nas parroquias, entre outras propostas dirixidas a públicos de todas as idades.
O ciclo comezou a principios de xaneiro cunha exposición na Capela da Madanela do 2 ao 15 de xaneiro, e unha proxección o pasado 17 na Casa de Correos. Esta última actividade consistiu nunha explicación-coloquio sobre cinema clásico guiada por un experto, concretamente versou sobre o filme "La gata sobre el tejado de zinc".
AS PARROQUIAS CONTAN
Esta inédita programación de inverno achegarase tamén ás parroquias cun programa titulado As parroquias contan que ofrecerá unha sesión de contos para todos os públicos a cargo do cómico arzuán Xan Veiga e, ao remate, haberá unha chocolatada popular á que estarán convidadas todas as persoas asistentes.
A primeira delas será este venres, 24 de xaneiro, no local social de Santo Estevo do Campo ás 20:30 h. E contarase con outra o venres 14 de febreiro á mesma hora no local social de Burres. A entrada será libre e de balde.
O concelleiro de Cultura, José Luís García, anima “a participar nestes encontros pensados para dinamizar culturalmente tamén as nosas parroquias e para crear un espazo de socialización entre veciñas e veciños”.
O resto de actividades programadas ata o 4 de marzo pódense seguir na páxina web do Concello de Arzúa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.