‘As vosas raons’: a fusión da música de raíz catalá e galega da man de Joana Dark e Catuxa Salom

A música de raíz está nun bo momento e esta colaboración experimental, conectando o folklore catalán co galego, demostra que reactualizar a tradición fusionando linguas pode cativar e chegar con forza ao público. Coñecemos este traballo e as artistas que o fixeron posible.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 20/04/2025 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A finais de febreiro deste 2025 vía a luz “As vosas raons”, un sinxelo froito da colaboración da catalá Joana Dark e a galega Catuxa Salom tras unha proposición da primeira. O tema chegou, ademais, acompañado dun videoclip dirixido por Swallow e rodado en Lleida, no que as dúas artistas deixaron patente a sinerxia establecida entre elas e a potencia resultante de fusionar os folclores galego e catalán recuperando a tradición a través da música electrónica.

Joana Dark e Catuxa Salom en 'As vosas raons'. Foto cedida por The Office Comunicación.
Joana Dark e Catuxa Salom en 'As vosas raons'. Foto cedida por The Office Comunicación.

As vosas raons inspírase na canción Bon dia, Elionor que narra a historia dun señor rico e apoderado namorado dunha humilde pastora que non quere ser a súa muller. Trátase dunha canción moi popular nos pobos mediterráneos e que orixinalmente se acompañaba dun baile. Partindo deste material, Catuxa Salom e Joana Dark compoñen un tema onde as sonoridades das dúas artistas maridan á perfección e cristalizan nunha proposta rotunda e bailable. As vosas raons foi producida e mesturada por Manuel Segura de Little Island Lab e co mastering a cargo de Victor Garcia (Ultramarinos).

Falamos coas dúas protagonistas.

JOANA DARK

Ariadna Rulló, coñecida actualmente co nome artístico de Joana Dark, é a metade catalá do sinxelo que acabamos de presentar, “As vosas raons”.

Catuxa Salom. Foto: Aigi Boga.
Catuxa Salom. Foto: Aigi Boga.

Esta catalá cóntanos que é de Barcelona aínda que criada no Vallés oriental, concretamente en Santa Eulàlia de Ronçana, e que a súa familia vén das terras de Tárrega. Sabemos tamén que consciente ou inconscientemente o seu interese pola música venlle de seu pai, Ton Rulló, que a facía cantar con el e ao que vía tocar o piano e compoñer case todos os días. Rulló foi compoñente dun grupo de rock sinfónico e músico solista.

Respecto da súa traxectoria musical, a nosa interlocutora explica que como ‘Ariadna Rulló’ publicou no 2015 o disco ‘Crystal Soul’ e no 2019 o traballo ‘Cycle’ formando parte do Dúo Wölva. E foi no 2022 cando comezou xa co nome artístico de “Joana Dark” publicando o seu primeiro EP “La Lireta”, no que recupera cancións populares do Cancioneiro de Joan Amades. A partir de aquí, no 2024 saíu á luz “Lo secà”, un traballo que se centra en investigar cancións das terras de Tárrega. Ariadna explica que a súa familia vén deste lugar e que neste disco unha das cancións cantouna co seu pai.

Como vemos, a figura do seu proxenitor é moi importante na súa vida. De feito, cóntanos Ariadna que nun principio non lle gustaba a música catalá, que era máis de rock e de música electrónica. No seu momento, o pai convidouna a coñecer o ‘Costumari catalá de Joan Amades’ e outra obra do mesmo autor, ‘Folklore de Cataluña’ –cancións populares que falan de mulleres--. Este feito, sumado ao de coñecer artistas como Rodrigo Cuevas e Marina Arnal, serviulle de inspiración para iniciar un proxecto de recuperación de pezas tradicionais en clave feminista e reactualizadas con música electrónica baixo o nome artístico de “Joana Dark”.

Para rematar, preguntámoslle como xurdiu “As vosas raons”, o sinxelo e videoclip que a levou a colaborar coa galega Catuxa Salom. Ariadna conta que traballa nunha discográfica e coñeceu a Catuxa por unha proposición que lles chegou dela. Ao final non frutificou nada pero Ariadna aproveitou para pedirlle unha colaboración --revisar a canción tradicional “Bon día Elionor” mesturando folk catalán con folk galego-- e entendéronse moi ben. Catuxa desprazouse a Cataluña, conviviron 3-4 días en familia e sacaron adiante a gravación do sinxelo e o videoclip que foi estreado oficialmente o pasado mes de febreiro.

Rematamos a conversa co desexo de que podan coincidir xuntas nalgún concerto en directo, xa sexa en Cataluña ou en Galicia.

CATUXA SALOM

Catalina Salom, coñecida artisticamente como ‘Catuxa Salom’, é a outra metade de “As vosas raons”. Unha galega de raíces arxentinas que viviu dez anos en Madrid, lugar onde se formou no mundo do teatro e estudiou a carreira de socioloxía.

Preguntámoslle polos seus primeiros contactos coa música e dinos que os atopa na súa familia onde, en palabras dela, “non hai músicos pero si pseudomúsicos”. E falando xa de formación musical comenta que estudou piano, guitarra e canto. Lembra dos seus comezos ter tocado na rúa en Madrid e formar parte dun grupo de country.

O seu retorno a Galicia foi no 2021, ano no que naceu tamén o seu proxecto “Catuxa Salom” que parte da tradición do folklore arxentino e galego. Afirma, respecto a tomar como base da súa música a tradición e o folklore, que “crea dende o rural mirando para o futuro e que cre nun folklore que vai cara adiante”.

No que respecta á súa traxectoria musical, no 2022 autoeditou o seu primeiro traballo, o sinxelo “Nunha aldea”, e no 2024 o segundo, “Caldo”. Ademais, nese mesmo ano acadou o Premio Martín Códax da categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe. Neste comezo de 2025 colaborou con ‘Joana Dark’, como sabemos, en “As vosas raons”. Refire que lle propuxo ela a colaboración e viuno claro dende o primeiro momento, “todo xurdiu moi orgánico, moi natural. Creouse maxia entre nós”, comenta.

Para rematar, xórdenos a inquedanza de preguntarlle sobre que pode estar detrás do bo momento da música de raíz actual e Catuxa agasállanos cunhas interesantes reflexións como socióloga. “Vexo a nivel social que hai como unha perda de identidade e ante iso a tendencia natural é mirar para un mesmo... de preguntarnos quen somos e de onde vimos”. “Ante un mundo acelerado e globalizado, a mirada natural é mirar para atrás. Quen somos? De onde eran os meus avós? Por que marcharon á cidade...?”

Por certo, tamén lle comentamos que a ver se neste 2025 pode coincidir con Joana Dark nalgún concerto en directo, xa sexa en Cataluña ou en Galicia.

Joana Dark. Foto: Duna Vallès Mestre.
Joana Dark. Foto: Duna Vallès Mestre.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta