Por Galicia Confidencial | Allariz | 18/04/2025 | Actualizada ás 11:00
A presentación oficial da Festa do Boi 2025 tivo lugar o pasado 11 de abril na Casa do Boi cun acto no que participaron representantes da Asociación Cultural Xan de Arzúa, a alcaldesa Cristina Cid e o artista Jaime González, autor do cartel deste ano. A imaxe do cartel rende homenaxe a todas aquelas persoas que viven a Festa do Boi dende os balcóns das súas casas, representando nesta ocasión a unha veciña, Carmen, que finou a finais do ano pasado.
O boi e os homes do sedeño visitan a todas esas persoas que desfrutan a festa ano tras ano dende os balcóns e fiestras das súas casas. Carmen era unha desas persoas que estaba agardando que lle tiraran o sedeño cada ano, como unha homenaxe á súa devoción por esta festa. Con este cartel, a Festa do Boi 2025 quere lembrala con agarimo e recoñecer a todas as persoas que manteñen viva esta tradición dende os seus fogares.
ACTIVIDADES DA FESTA DO BOI: HISTORIA, TRADICIÓN E LECER
Durante nove días, do 14 ao 22 de xuño, Allariz converterase no epicentro da festa con pasarrúas, teatro, música, xantares populares e, por suposto, as emocionantes saídas do boi, que percorren as rúas do centro histórico.
A festa dará comezo o sábado 14 de xuño cun gran Xantar Popular en Paicordeiro, un punto de encontro clave para a veciñanza e os visitantes, onde se poderá compartir mesa e celebrar o inicio desta gran festividade. Tras este xantar, terá lugar a tradicional Recreación do Trato do Boi en Roimelo, seguida da esperada baixada dos bois ata a Barreira. O domingo 15, a Procesión medieval do Xan de Arzúa transportará aos asistentes aos tempos da orixe desta festividade, cunha impresionante posta en escena. Este ano o concurso de trobadores estará dedicado a Xosé Manuel Piñeiro, Superpiñeiro convertendo esta actividade nun Supermedievo.
A festa contará ademais con saídas Infantís do Boi, que terán lugar en varias xornadas ao longo da semana, con destacadas actuacións musicais --Festicultores Troupe, a Orquestra Cinema, o Grupo Beatriz--, pasarrúas coas charangas Sugarri e a Treboada dos Zes Pereiras, e a Recreación da Bandeira (día 20) onde os gremios, acompañados de música tradicional, percorren a ata a Praza Maior para a colga da bandeira do Xan de Arzúa na Casa do Concello.
Dende a organización, como advertencia para o bo desenvolvemento das saídas do boi, recomendan ao público estar moi atentos e evitar obstaculizar os portais, que serven como vía de escape en caso necesario.
AGRADECEMENTO E CHAMAMENTO Á RESPONSABILIDADE DENDE O CONCELLO
A Alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid, salientouna presentación a gran importancia que ten esta festa para Allariz pero sobre todo para a veciñanza. Dende a súa recuperación, dixo, "a Festa do Boi serve de vínculo interxeracional no que toda a veciñanza convive e participa activamente nas actividades durante eses nove días de festa".
Cristina agradeceu a labor das persoas que colaboran na Asociación Cultural Xan de Arzúa e que fan posible que ano tras ano co seu traballo desinteresado organicen a Festa do Boi con meses de antelación, e tamén fixo un chamamento á responsabilidade e ao respecto polos bois. Lembrou, neste senso, que "o seu coidado está exclusivamente en mans das persoas encargadas da súa guía".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.