O 'Noia Harp Fest' celebrarase do 30 de xullo ao 2 de agosto

A programación da XII edición deste festival internacional, único evento no noroeste peninsular dedicado a este instrumento, regresará este ano aos espazos máis emblemáticos da localidade coruñesa.

Por Galicia Confidencial | Noia | 29/01/2025 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, que conta na dirección con Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, é unha cita impresincible do calendario musical do verán para todas aquelas e aqueles amantes da arpa así como da diversidade artística.

Nadia Birkenstock no NHF. Foto: © Jerry Elefarte
Nadia Birkenstock no NHF. Foto: © Jerry Elefarte

Trátase dun evento que reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes. O fío condutor do festival é a interpretación a través da arpa, polo que durante varios días --este 2025 do 30 de xullo ao 2 de agosto-- o público poderá descubrir desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda, chegadas de países como Francia, Irlanda, Lituania, Paraguai, Polonia, Senegal ou Ucraína, e por suposto desde o territorio galego. Poñendo en valor a importancia deste instrumento en Galicia, dende o 2023 este festival celebra o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.

PREMIO INTERNACIONAL DE COMPOSICIÓN PORTUS APOSTOLI

Outra iniciativa do festival, que apoia e impulsa exclusivamente o Concello de Noia, é a convocatoria do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador que pretende ampliar o repertorio actual de obras para arpa e orquestra. A súa terceira edición, aberta até o pasado 23 de decembro a creadoras e creadores de calquera nacionalidade, recibiu un total de 11 propostas orixinais chegadas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia.

O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da propia obra da man do NHF. Un xurado especializado, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Por último, o tribunal valorará de forma positiva aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega. O fallo do xurado terá lugar o 13 de febreiro.

O evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta