Por admin | Madrid | 24/10/2013
A FeSP quixo aproveitar a celebración deste terceiro congreso nacional para renovar a súa directiva, despois de rematar os mandatos de Dardo Gómez e Manu Mediavilla. Os congresistas elixiron como novo secretario xeral da Federación a Agustín Yanel, secretario xeral do Sindicato de Periodistas de Madrid (SPM), así como a Guillermo Polo, do Sindicato de Periodistas de Andalucía (SPA), comovicesecretario xeral.
Coa crise como pano de fondo, os asistentes ao congreso debatiron a grave situación pola que atravesa o sector da comunicación, afectado por un cambio de modelo de xornalismo que as empresas non saben ver. Por iso, os sete sindicatos integrados na FeSP, entre o que se atopa o SXG, coincidiron na necesidade de traballar para mellorar as condicións laborais e profesionais dos traballadores e traballadoras pero sen esquecerse dos problemas específicos dos chamados ‘xornalistas sen redacción’, un colectivo cada vez máis numeroso nas circunstancias actuais.
A incorporación das novas xeracións de xornalistas aos sindicatos para loitar pola dignificación da profesión e un achegamento á cidadanía para facerlles ver que o dereito á información lles pertence e que deben reclamalo foron outros dos obxectivos marcados polos asistentes a este III Congreso.
Axudas contra os despidos e dereitos de autor
Para combater a actual situación, o congreso acordou pedir ao Goberno que promova unha mesa de diálogo sectorial no que participen Executivo, patronal, agrupacións de xornalistas, CCOO, UGT, sindicatos da FeSP, asociacións e colexios de periodistas e outros grupos representativos para estudar un plan de axudas que frene a sangría dos despidos, máis de 11.000 nos últimos cinco anos. Ademais, pedirase que serecoñezan os dereitos de autor dos xornalistas na modificación da Lei de Propiedade Intelectual.
Ademais, durante o congreso aprobáronse ata 13 resolucións sobre distintos temas, como a solidariedade e apoio a todos os xornalistas secuestrados en Siria ou en calquera recuncho do mundo, o apoio e a defensa das radiotelevisións autonómicas e municipais de titularidade pública para garantir a democracia ou promover consellos de redacción e comités de xénero nas empresas xornalísticas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.