Aumentan os novos contaxios de Covid, aínda que baixan os pacientes hospitalizados en Galicia

Os casos activos descenden a 1.613 e a taxa de positividade mantense por baixo do 2% no conxunto da Comunidade galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2021 | Actualizada ás 10:56

Comparte esta noticia

Os novos contaxios de Covid-19 repuntaron a 85 en Galicia tras pasar o ecuador desta semana na que se manteñen por baixo do centenar, mentres que a presión hospitalaria volve aliviarse ao caer a 66 os pacientes ingresados por este coronavirus --cinco menos--. Pola súa banda, os casos activos seguen en descenso e sitúanse en 1.613.

Segundo os datos actualizados este xoves pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas deste mércores, recollidos por Europa Press, seguen 15 pacientes ingresados en UCI debido á Covid en Galicia e descenden a 51 os que permanecen noutras unidades de hospitalización, cinco menos.

Por áreas sanitarias, os pacientes ingresados pola Covid descenden nas de Santiago e Barbanza, Ferrol e Pontevedra e O Salnés; mantéñense na de Vigo; e ascenden lixeiramente nas da Coruña e Cee, Ourense e Lugo. En concreto, na de Santiago e Barbanza, aínda que seguen dous pacientes Covid en UCI, redúcense a 10 os que permanecen ingresados noutras unidades --tres menos--; e na de Ferrol continúan tres en críticos e caen a tres os doutras unidades --tres menos--.

Pola súa banda, na área de Pontevedra e O Salnés prosegue un paciente Covid ingresado en UCI e descenden a sete os doutras unidades de hospitalización --dous menos--.

Na de Vigo non hai cambios ao continuar catro pacientes Covid hospitalizados en UCI e catro noutras unidades. Polo seu lado, na de Lugo mantéñense dous en críticos e ascenden a cinco os doutras unidades --un máis--.

Tamén na da Coruña e Cee segue un paciente en UCI e soben a cinco os doutras unidades --un máis--; así como na da Coruña e Cee, onde se manteñen dúas en críticos e ascenden a 17 os doutras unidades --un máis--.

CASOS ACTIVOS EN DESCENSO

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 manteñen a tendencia descendente por décimo novena xornada consecutiva e caen a 1.613 en toda Galicia, 66 menos que o día anterior ao haber máis altas (151) que contaxios (85).

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden nas de Santiago e Barbanza (-31), Vigo (-25), Pontevedra e O Salnés (-15) e Ourense (-2); soben lixeiramente nas da Coruña e Cee (+3) e Ferrol (+4), mentres que se manteñen na de Lugo. Por tanto, a área de Vigo continúa na cabeza con máis casos activos, 416; seguida da da Coruña e Cee, con 334; Santiago e Barbanza, con 222; Lugo, con 208; Pontevedra e O Salnés, con 171; Ourense, con 162; e Ferrol segue á cola con 100.

MÁIS CONTAXIOS

En canto aos novos contaxios de Covid-19 detectados por calquera tipo de proba en Galicia repuntaron a 85 --supoñen 14 máis que a xornada anterior--, tras iniciarse esta semana con 54, aumentar a 82 o martes e reducirse a 71 este mércores.

No conxunto da Comunidade galega foron confirmados 85 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, que supoñen 17 máis que o día anterior, deles 28 na área da Coruña e Cee; 15 na de Vigo; 11 na de Lugo; 10 na de Santiago e Barbanza; oito na de Ourense; sete na de Pontevedra e O Salnés; e seis na de Ferrol.

UCI do Hospital Clínico de Santiago.. ANA VARELA/SERGAS / Europa Press
UCI do Hospital Clínico de Santiago.. ANA VARELA/SERGAS / Europa Press

En canto á taxa de positividade mantense por baixo do dous por cento nun 1,4% tras situarse nun 1,3% o día anterior e iniciar a semana cun 2,1%. Por iso, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que Galicia excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta