Os traballadores "en fraude de lei" da Xunta anuncian un "recrudecemento" das mobilizacións

A CNT desconvoca a folga dos empregados do Consorcio e dá de prazo ata xullo para que Política Social se abra a dialogar.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Novo episodio na mobilización dos traballadores do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar que denuncian estar en fraude de lei. Tres meses despois de que estes empregados dependentes da Xunta de Galicia anunciara o inicio dunha folga descontinuada ante a falta de solucións da administración autonómica, a CNT --entidade convocante-- dá a noticia da fin da folga, que porén non supoñerá o remate das mobilizacións.

Protesta de traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar
Protesta de traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar | Fonte: Europa Press.

Segundo apuntan dende a Confederación, a decisión de desconvocar a folga que levaba en vigor dende o pasado 17 de marzo vén de se decidir en asemblea. Ponse así fin a unha cadea de mobilizacións que, cada martes alterno facía saír ás rúas a estes traballadores e traballadoras nun seguimento que a CNT xulgou sempre satisfactorio e camiñaba arredor do 50% do total do cadro de persoal en fraude de lei.

Porén, a folga chega á súa fin ante o que a CNT ve como a falta de intención da Xunta de cara a procurar unha solución pactada para a problemática destas persoas en fraude de lei, é dicir, que encadean unha longa listaxe de contratos temporais, incumprindo a regulación laboral malia estar, precisamente, ao servizo da administración pública. 

"RECRUDECEMENTO"

Con todo, a fin da folga non carrexará o punto e final das mobilización dos traballadores do Consorcio. A CNT anuncia, en troques, que este movemento virá seguido dunha serie de accións orientadas a “recrudecer as mobilizacións sociais”, todo co obxectivo de facer que a Xunta de Galicia recúe e se dispoña a dialogar cos representantes deste colectivo, fundamentalmente feminino. 

De aí que dende a CNT advirtan que “non se agardará indefinidamente pola resposta da Xunta ás peticións formuladas” e que  “se continuará coa presión e as mobilizacións” dando de prazo ata xullo para ter unha resposta da Xunta. “A CNT ven insistindo na petición dunha reunión inminente con Función Pública e a Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para tentar buscar unha solución ao conflito formulado”, engaden antes de sinalar que “xa son moitas as peticións previas enviadas durante a folga e que non teñen resposta por parte da Xerencia do Consorcio nin da Secretaría Xeral da Función Pública”. 

As críticas da formación sindical veñen dadas por que “tras 14 anos de actividade”, “ningún destes dous organismos formulou unha solución a esta situación de <> nin levou a cabo ningunha medida de corrección da mesma. Esta situación, ao prolongarse durante un período tan longo, multiplica os efectos negativos sobre o persoal que padece esta situación”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta