Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2021 | Actualizada ás 12:53
Os xardíns do Pazo de Meirás reabrirán a partir deste sábado, xornada na que un acto institucional coa vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, á cabeza escenificará a recuperación do complexo do municipio de Sada tras o proceso xudicial contra os herdeiros do ditador Francisco Franco.
No acto, que arrincará a partir das 10,00 horas, o número dous do Executivo estatal estará acompañada polo secretario de Estado de Memoria Histórica, Fernando Martínez, e tamén se prevé a participación do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, entre outras personalidades.
Á reapertura dos xardíns do Pazo de Meirás, chégase tras a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que condenou aos Franco á devolución do inmoble tras estimar integramente a demanda interposta polo Estado, á que se sumaron os concellos da Coruña e Sada, a Deputación coruñesa e a Xunta.
Trátase dunha posesión provisional, á espera dunha sentenza definitiva, tras o recurso presentado polos Franco ante o Tribunal Supremo e nun proceso xudicial no que tamén está aínda por determinar que pasará cos bens do inmoble.
E é que, a diferenza da sentenza ditada pola xuíza nese primeiro fallo, a Sección Terceira da Audiencia Provincial da Coruña revogou o depósito mobiliario a favor do Estado, aínda que deixou aberta a posibilidade de que o Goberno poida reclamar noutro preito a titularidade dos de Patrimonio Nacional.
Concedido, con posterioridade a este fallo, aos Franco un prazo para a retirada dos bens, o Xulgado de Primeira Instancia suspendeuno tras os recursos das partes personadas.
Todo iso motivou, ademais, que por parte de entidades memorialísticas e o Executivo central ou o Concello de Sada se pedie a extensión da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) a estes bens xa que agora só inclúe ás estatuas do Mestre Mateo e a biblioteca de Emilia Pardo Bazán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.