Os plans a futuro da USC: crear unha facultade de Farmacia e Enfermería e reformar a de Medicina

Antonio López asegura que se está traballando na redacción dun proxecto básico para concretar "o espazo e as necesidades" destes plans.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2021 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O reitor da USC, Antonio López Díaz, considera que a "necesidade prioritaria" do plan da 'Cidade da Saúde' --que prevé a construción dunha nova facultade de Farmacia e Enfermaría, a rehabilitación da sede de Medicina e a reurbanización da praza do Seminario de Estudos Galegos, entre outras actuacións-- é "situar aos estudantes de Farmacia en módulos apropiados", xa que, actualmente, están dispersos en facultades da contorna, "principalmente na de Dereito".

Así o trasladou o reitor este martes na súa visita ás obras de mantemento no Campus Sur da USC, na avenida de Antonio Raimundo Ibáñez, xunto á concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e o concelleiro de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte. López Díaz afirmou que se está traballando na redacción dun proxecto básico co fin de concretar "o espazo e as necesidades", cuestións como os metros de aulas, o número de despachos, entre outras.

Todo tras a licitación de apertura de dous viarios que delimitan a parcela prevista para o novo edificio de Ciencias da Saúde. A urbanización consistiría na prolongación da rúa Lope Gómez de Marzoa e unha vía perpendicular a ela para conectala coa avenida Mestre Mateo.

Ademais, o reitor universitario asegurou que están "a negociar coa Xunta" na procura de fondos. Así mesmo, puxeron sobre a mesa a posibilidade de que se poidan situar infraestruturas de investigación "non estritamente universitarias", senón que se levanten co financiamento da Xunta.

Por outra banda, o reitor, preguntado pola súa opinión ante o polo de innovación tecnolóxica que se planea instaurar en Santiago de Compostela, proxecto xestionado por Iniciativas Empresariais Innovadoras (Uninova), da que forma parte a USC, foi contundente: "A cidade non debería perder o proxecto".

Así as cousas, definiu o plan como "interesante" e "importante para a cidade e a universidade", ademais de estar "conectado" coa investigación que se fai desde a institución académica.

En canto ao prazo dun ano para finalizar o proxecto, o concelleiro de Relacións Institucionais ve posible acabalo antes do seu vencemento --aínda que se pediría unha ampliación en caso contrario--.

Con respecto a isto, manifestou que houbo complicacións derivadas da cesión dun espazo de titularidade pública a un ente privado, o que retardou o plan. Aínda así, Guinarte sostivo que a construción do edificio non é competencia de Uninova, senón de empresas privadas, ás que corresponde, tamén, presentar o proxecto edificativo para comezar as obras.

Facultade de Medicina de Santiago de Compostela
Facultade de Medicina de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta