Arrinca este xoves o festival de narración oral "Atlántica" en Compostela con catro espectáculos

Polo festival pasarán unha trintena de contadores con espectáculos en espazos "de gran valor patrimonial" e outros en zonas naturais como bosques autóctonos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2021 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

A novena edición do festival 'Atlántica', festival internacional de narración oral, comeza este xoves en Santiago de Compostela coas actuacións da contacontos salmantina Eugenia Manzanera; a narradora e escritora Charo Pita; e a contacontos de orixe andaluza Marta Ortiz.

Segundo un comunicado da organización do festival, o programa comezará ás 11 horas con 'Galicia máxica' de Marta Ortiz no Monte Viso, un espectáculo concibido para nenos maiores de catro anos. Trátase dunha viaxe pola Galicia "máis abraiante" a través de cancións, xogos e a narración de tradicións para "pór en valor" e "achegar aos nenos" o patrimonio cultural galego.

Máis tarde, ás 12 horas, Eugenia Manzanera levará os seus 'Contosgaliñáceos' ata o xardín de Fontiñas, detrás do Centro Sociocultural. Nesta sesión haberá personaxes como galiñas ou lechuzas, entre outros, e está pensada para nenos maiores de tres anos.

Pola tarde, ás 19 horas, o quiosco da música da Alameda acollerá un espectáculo para bebés de entre 0 e 3 anos titulado 'Fábulas non berce', de Charo Pita. Consiste nunha antoloxía de "pequenas narracións", acompañadas de sons, monicreques e libros "moi visuais" para captar a atención dos pequenos. As invitacións para este espectáculo atópanse esgotadas, pero está habilitada unha lista de reserva ante posibles cancelacións.

A quenda dos adultos chega ás 21,30 horas con 'Un, dous ou(ou)varios contos' de Eugenia Manzanera. A cita será no parque de Bonaval, onde a narradora salmantina preparará "un cóctel de historias femininas, feministas, felinas e fellinianas" de ton humorístico.

Todas as actividades son de acceso gratuíto, pero é necesario reservar sitio a través da web do festival.

NOVIDADES DO FESTIVAL E SITIOS POLOS QUE PASA

Ao longo destes días, ata o 11 de xullo, percorrerán Galicia unha trintena de contadores procedentes de Guinea Ecuatorial, Brasil, Portugal, Zamora, Salamanca, Guadalaxara e Galicia. Unha novidade introducida este ano son os espectáculos en espazos "de gran valor patrimonial".

Así, as actividades tomarán parte en lugares como as torresde Altamira; ou no Curro de Sabucedo, entre outros. Ademais, as sesións tamén se desenvolverán en zonas naturais como bosques autóctonos con xacementos arqueolóxicos, castros ou petróglifos.

Marta Ortiz, unha das artistas que pasará por Santiago de Compostela. FESTIVAL ATLÁNTICA
Marta Ortiz, unha das artistas que pasará por Santiago de Compostela. FESTIVAL ATLÁNTICA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta