Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/06/2021 | Actualizada ás 22:08
O PP de Alberto Núñez Feijóo mantería a súa maioría absoluta no Parlamento galego con 40 escanos, dous menos que os que obtivo nas eleccións de xullo de 2020. o BNG de Ana Pontón crecería en apoios ata o 24,4% (+0,6% con respecto aos últimos comicios) pero perdería un escano no Pazo do Hórreo ao obter 18 e o PSdeG repetiría resultado con 14 deputados, aínda que baixaría ata os 18% dos votos (-1,4%). O gran beneficiado sería Galicia en Común que, segundo este estudo con 1.223 entrevistas, sacaría tres deputados e o 6,1% do voto. Son os resultados dun estudo demoscópico realizado por Sondaxe e publicado por La Voz este domingo.
Uns resultados que só convencen a PP e Unidas Podemos, porque, o resto da oposición, especialmente os nacionalistas, falan de "moita cociña". Unha "cociña" --a interpretación que a empresa fai dos resultados que se obteñen desas preguntas-- que pode variar, e moito, en función de como sexan interpretados os datos.
ESTRATEXIAS
"Non se entende que un partido como Podemos, que está desaparecido en Galicia teñan tres deputados e que o BNG, que está en ascenso perda un", apuntan fontes do Bloque. "Isto non é novo, pasou en varias épocas nas que se aumentaba artificialmente nos inquéritos ao PSOE ou ao BNG en función da situación política, e, pasou o mesmo tras a irrupción de AGE, En Marea e Galicia en Común", apunta un analista político.
Os principais partidos políticos galegos soen encargar este tipo de enquisas e, practicamente todos, páganlle ao Grupo Voz --propietario da empresa Sondaxe e do xornal La Voz de Galicia-- por coñecer este tipo de inquéritos. Con todo, é o PPdeG o principal cliente desta empresa demoscópica e o máis interesado en que se publiquen no xornal coruñés.
Precisamente, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, referiase a esta enquisa asegurando que "a pandemia non desgasta a todos os gobernos", senón "só aos malos" e lembraba que ao PP dáballe unha "maioría absoluta clara". Ademais, sobre a posible volta de Galicia en Común á Cámara galega, apuntaba que os galegos están "a buscar alternativas extraparlamentarias en Podemos porque non confían nin no BNG nin no PSOE, porque non ofrecen garantías aos votantes de esquerdas".
Unhas declaracións que contrastan coa dura campaña que os populares realizaron contra Podemos e En Marea hai un ano co apoio de varios medios de comunicación, e que coinciden coas do deputado de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez-Reino, que achacou a posible volta da coalición ao Parlamento galego ao "bo traballo realizado por Podemos no Goberno do Estado" e á "orfandade" que senten "moitas demandas sociais, como as pensións ou as das residencias de maiores".
PREPARANDO A ÉPOCA POLÍTICA POST-COVID
E que estas enquisas "cociñadas segundo intereses económicos ou políticos", como apuntan as fontes consultadas, chegan nun momento no que as principais forzas políticas puxeron en marcha xa as súas asembleas e congresos para prepararse para o ano da suposta recuperacion económica, o 2022, que rematará no 2023, cunhas eleccións municipais.
Esas eleccións son fundamentais para PPdeG, PsdeG e BNG e, de feito, os líderes destas tres formacións levan xa semanas facendo o que facían antes da pandemia; campaña política. E neste contexto entran en xogo estas enquisas "pagadas" que gustan a uns e incomodan a outros.
CONGRESOS
Nos últimos días, Feijóo aproveita a presentación dos congresos provincias do seu partido para atacar duramente a nacionalistas e socialistas. Máis aos primeiros que aos segundos aos que insiste en comparar "co que fai Otegi no País Vasco ou Junqueras en Cataluña, ademais de articular o seu discurso co "non a todo". Tampouco se libra o PSdeG, aínda que, neste caso, o presidente galego busca directamente a confrontación con Pedro Sánchez.
De feito, o obxectivo do PPdeG no seu 17º Congreso autonómico, que se celebrará o próximo 17 de xullo, é preparar o partido para "conquistar as grandes cidades" e, de paso, as deputacións provinciais, xa que hoxe en día non goberna en ningunha das sete urbes e só mantén a Deputación de Ourense.
Tamén o BNG celebrará a súa XVII Asemblea Nacional o próximo 7 de novembro co obxectivo de "activar a toda a militancia e simpatizantes e converter ao BNG "na alternativa real" ao PPdeG para tentar aumentar o poder municipal en 2023 e poder chegar á Presidencia da Xunta en 2024.
Pola súa banda, o PSdeG tamén está á espera de celebrar un decisivo congreso a final de ano no que o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, podería ter candidatura alternativa o que levaría a esta formación a unha nova división interna.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.