Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2021 | Actualizada ás 13:12
A organización do Festigal acordou pospor a programación da edición de 2021 por "motivos de responsabilidade" ante a pandemia da covid-19, posto que as medidas de prevención sanitaria "non permiten ser fieis lle ao espírito co que foi ideado este evento" para dispor dunha "experiencia segura, diversa e libre".
Na súa longa traxectoria, explican os organizadores, o festival buscou dar cabida ao maior número de expresións artísticas, co que se converteu nun "referente da propia cultura" de Galicia, como unha "oportunidade para o intercambio e o coñecemento doutros pobos".
No Festigal converxen traxectorias e dinámicas feitas no país coa tradición e a vangarda da cultura propia, ao reivindicar desde as orixes unha identidade e un país. Coa intención de ofrecer o mellor Festigal, a organización viuse na obrigación de "cancelar a edición" deste 2021, posto que este festival é sinónimo de "música, festa, país e de liberdade; de poder ofrecer todo un escaparate de difusión da nosa cultura".
Con todo, as actuais medidas sanitarias non permiten "ser fieis lle" ao espírito co que foi ideado o Festigal, unha experiencia "segura, diversa e libre" neste lugar de encontro entre miles de persoas ás que lles gusta compartir experiencias ao redor da música, libros, talleres, debates, artesanía, creatividade artística, xogos, gastronomía e asociacionismo entre o 24 e o 25 de xullo para celebrar o Día da Patria Galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.