Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2021 | Actualizada ás 14:35
A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski subiu dous céntimos o prezo do leite para, indican nun comunicado, "contribuír á sustentabilidade da cadea de valor láctea". Desde esta semana, as tres referencias das marcas Eroski e A Vaqueira, á venda en todos os establecementos de Eroski/Center, Eroski/City e Autoservicios Familia, viron incrementado en 2 céntimos o seu prezo de venda ao público. O obxectivo, en palabras do director de Compras do grupo empresarial, Jorge Eiroa, é "reforzar o noso compromiso co
sector lácteo e repercutir os beneficios nos produtores, nun contexto xeneralizado de reivindicacións para mellorar o equilibrio en toda a cadea de valor".
Esta decisión prodúcese pola "necesidade de alcanzar un marco estable e sustentable para o sector", segundo explican. Vegalsa-Eroski lembra, ademais, que a finalidade é "ofrecer a mellor relación calidade-prezo" á súa clientela, polo que "só mediante a valorización e a eficiencia, o mercado alcanzará prezos satisfactorios e sustentables, para toda a cadea de valor".
APOIO AO SECTOR LÁCTEO E Á PRODUCIÓN DE PROXIMIDADE
A decisión adoptada pola compañía, similar á posta en marcha xa en 2015, "pon de manifesto o noso permanente apoio aos gandeiros galegos, á produción de proximidade e ao sector lácteo, considerado estratéxico para Galicia, no que Vegalsa-Eroski inviste máis de 18 millóns de euros ao ano", sentenzan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.