Esta Orde reproducía a emitida o 22 de xullo, vixente até o xoves 12-A, cando o
propio TSXG constatou a súa falla de vixencia por non ter pedido previamente a Xunta
a autorización prevista na Lei da xurisdición contencioso-administrativa para as
medidas sanitarias que os Gobernos autonómicos coiden precisas e urxentes cando
supoñan a limitación ou restrición de dereitos fundamentais e os seus destinatarios non
estean identificados individualmente. Decisión ésta que constituiu un grave erro, para
nada desculpábel, da Xunta pola evidencia de que esa caste de “pasaporte covid”
conlevaba tanto a comunicación a terceiros de dados persoais de máxima protección (o
feito de estar vacinado ou de padecer ou non a doenza xerada polo Covid-19) como un
tratamento desigual aos usuarios. Que había restrición ou limitación de dereitos
fundamentais era evidente e só a Xunta non o viu.
Mais complexa era a decisión de admitir ou non estas restricións dos dereitos
fundamentais (nomeadamente o principio de non discriminación e o dereito á
intimidade persoal), por ser ou non esas medidas de saúde pública precisas,
proporcionadas e acaídas á súa finalidade. O propio Ministerio Fiscal considerou nun
procedemento xudicial coetáneo que estas medidas estaban xustificadas. Mais varias das
axencias e autoridades de protección de dados persoais do ámbito da UE dubidaron
sobre a compatibilidade do “pasaporte Covid” co principio de non discriminación por i)
non ser obrigatorio o vacinamento ii) existir colectivos que non poden vacinarse por
razóns médicas ou doutra caste e iii) existir parte da poboación que aínda non lle foi
ofrecido o vacinamento.
Nos vindeiros días coñeceremos os argumentos do TSXG, até de agora inéditos.
Mais este proceso xudicial evidencia a necesidade de compatibilizarmos a eficacia e
eficiencia das políticas sanitarias cos dereitos fundamentais e liberdades das persoas.
Porque nin Galicia nin a Europa democrática en xeral poden loitar contra a Covid-19 ao
xeito dos estados autoritarios ou totalitarios, ao xeito da China, Irán, Arabia Saudita ou dos Emiratos Árabes Unidos.