Comeza a vacinación dos mozos de 12 e 13 anos

Sanidade indica que o obxectivo é conseguir que os menores estean inmunizados antes do inicio do curso escolar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2021 | Actualizada ás 10:04

Comparte esta noticia

A Xunta iniciou este luns a vacinación dos adolescentes de 12 a 13 anos en toda Galicia, nunha xornada sen incidencias pero con longas colas, que derivaron, no caso da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, nalgunhas críticas pola organización do dispositivo sanitario.

Pasadas as 10,00 horas, as longas colas ocupaban o aparcadoiro do principal centro de vacinación da capital galega. Nelas, pais e fillos mantiveron a distancia de seguridade á espera da inoculación da primeira dose, no caso deste colectivo a vacina de Moderna.

Os máis novos mostráronse contentos polo feito de comezar a vacinarse. "É bo que nos vacinen antes de comezar as clases", asegurou un dos menores. Outra nova, acompañada do seu pai, recoñeceu que "ao principio dubidaba do vacúa" pero agora explicou que entende a "necesidade" de que se vacine a toda a sociedade.

Pola súa banda, algúns proxenitores mostraron a súa desconformidade co protocolo aplicado para esta primeira xornada. "A vacinación de adultos foi moito máis rápida e ordenada que a dos nenos", destacou un pai que acompañaba á súa filla, quen tiña cita para as 10,16 horas e estimaba que non poderían marcharse do Monte Gaiás "antes das 12,00 horas".

A mañá continuou co pouco movemento das colas de vacinación como principal foco de queixa de adultos e menores. "Tivemos que cortar as nosas vacacións en Asturias para traer ao meu fillo a vacinarse", expresou unha nai, que, con todo, destacou que "o importante é que esta situación se acabe canto antes".

VACINACIÓN POR ÁREAS

Por áreas sanitarias, a de Santiago e Barbanza citou a máis de 5.000 persoas para este luns, tal e como informou a propia xerencia da área. Na Cidade da Cultura, foron chamados 4.290 mozos, mentres que no Hospital de Barbanza, citouse a 790 menores de 12 e 13 anos. A área santiaguesa tamén apuntou que para o mércores 25 e o xoves 26 citaranse a 10.800 mozos de 14 a 17 anos.

De acordo cos datos achegados pola xerencia nesta xornada, a participación na vacinación da Cidade da Cultura foi do 83,4%, Para o martes, están citadas case 5.000 persoas para a segunda dose. Delas, 4.393 na Cidade da Cultura (segunda dose de 20 a 29 anos) e no Hospital de Barbanza, 540 (segunda dose de 20 e 29 anos).

En canto a Ferrol, este luns tiña previsto vacinar a máis de 2.200 persoas de 12 e 13 anos coa primeira dose, e xa o mércores e o xoves, administrar tamén a primeira picada a unhas 3.900 persoas de 14 a 16 anos.

En Lugo, citaron a un total de 4.580 nenos de entre 12 e 13 anos, dos que 3.150 foron chamados ao momento de vacinación do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), 940 no punto do Hospital da Mariña e 490 no punto de vacinación de Monforte de Lemos.

A área pontevedresa convocou, no recinto feiral de Pontevedra, a 4.582 mozos de entre 12 e 16 anos para primeiras doses e, no recinto feiral FEXDEGA Vilagarcía de Arousa, a outros 1.300 menores, tamén para primeiras picadas.

Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, estaban cidados 4.399 nenos que recibirán a súa primeira dose da vacina. En Expourense foron convocados 2.560 menores na quenda de tarde, mentres que no Hospital Público de Valdeorras foron 434 os citados, e no Hospital público de Verín outros 274 --en ambos os casos na quenda de mañá--.

O mércores e o xoves será a quenda para os adolescentes de 14 a 16 anos, xunto ao resto de mozos de ata 19 anos que están pendentes da súa primeira dose da vacina, xa con Pfizer, así como coas segundas doses pertinentes. Pola súa banda, na área da Coruña-Cee a semana empezará coa inoculación de primeiras doses aos mozos de entre 12 e 16 anos, 5.393 na Coruña e 512 en Cee.

PROTOCOLOS EN CENTROS EDUCATIVOS

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, quen participou nun evento de novos artistas na Cidade da Cultura ao mesmo tempo que leva a cabo a vacinación dos adolescentes de 12 e 13 anos, valorou o feito de que este grupo de idade complete a súa pauta antes do comezo das clases, aínda que foi cauto e explicou que por agora "proseguen os protocolos do curso anterior".

Preguntado acerca de se o Executivo autonómico xa ten previsto vacinar aos menores de 12 anos, Rodríguez sinalou que a Xunta seguirá "as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS)", e recoñeceu que espera que "se pode empezar canto antes".

"A Consellería de Eduación segue traballando en mellorar as condicións dos centros educativos de Galicia", asegurou tamén. E é que a previsión do Goberno galego é poder recuperar un escenario de normalidade a partir do curso 2022-23, pero Román Rodríguez preferiu ser cauteloso. "Porque esta situación excepcional non permite aseverar nada", admitiu.

Mozos esperan na Cidade da Cultura o día de arranque da vacinación másiva a menores de 20 anos / Europa Press.  / Europa Press
Mozos esperan na Cidade da Cultura o día de arranque da vacinación másiva a menores de 20 anos / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Logo de 8 meses vacinando, aínda non foron quen de artellar un sistema flexible de citas para que os interesados elixan as datas da cita dentro dun calendario de vacinación ? Cando solicitas cita en Atención Primaria tardan 15 días en dala... cando envían un SMS pretenden que os usuarios acodan ao día seguinte sen falta !!! ¿Para que está a informática?