O empresario Álvaro de Marichalar promocionará a 'traslatio' xacobea na súa moto náutica

Di que agora se atopa "na súa base en Mónaco" á espera de reiniciar esta viaxe, que comezou o pasado 10 de agosto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2021 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

O empresario navarro Álvaro de Marichalar y Sáenz de Tejada colaborará coa Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla mediante a promoción da 'traslatio' xacobea durante a súa viaxe a bordo dunha moto acuática, unha pequena embarcación de tres metros de eslora, para tentar dar a volta ao mundo con motivo do V Centenario da Primeira Circunnavegación.

O empresario acudiu este venres a Santiago de Compostela para presentar os pormenores desta iniciativa, xunto co presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, Javier Sánchez-Agostiño, e coa presenza de diferentes alcaldes de municipios polos que transcorre esta ruta.

O protagonista da expedición explicou que se atopa na súa base en Mónaco á espera de reiniciar esta viaxe, que comezou o pasado 10 de agosto coincidindo "coa data histórica" da primeira volta ao mundo emprendida por Fernando de Magallanes, Juan Sebastián Elcano e outras 260 persoas, co apoio de Carlos I, desde Sevilla hai xa 500 anos.

De todos eles, só quedaron 18 a bordo dun só barco, 'La Victoria', que conseguiron regresar con vida a Sevilla e que para Álvaro de Marichalar representa o inicio "da globalización" e o traspaso de fronteiras.

A expedición está agora conxelada e en espera desde a súa chegada a Florida o 16 de marzo 2020 e despois de cruzar o Atlántico desde o sur de España, tras dar a volta a Francia, Portugal e ao territorio esapñol. Todo iso "en rigoroso solitario", cunha embarcación dunha autonomía de 200 millas náuticas (uns 300 quilómetros" e embarcado "nunha navegación moi extrema".

O empresario insistiu na importancia de "proclamar os valores e principios" que motivan a esta iniciativa, na que tenta "dar o mellor" para promocionar e divulgar o País, a civilización e o que significa o Camiño de Santiago por todo o mundo. Durante a travesía, o seu obxectivo é ademais filmar e documentar a masiva contaminación dos océanos por verteduras plásticas, así como a pesca ilegal e o tráfico de persoas.

UNHA OPORTUNIDADE

Sánchez-Agostiño, pola súa banda, incidiu na "oportunidade" que supón esta viaxe para promocionar os valores do Camiño, posto que a última das etapa será no Mediterráneo desde o porto de Jaffa, percorrendo novamente o traxecto da translación do Apóstolo.

"É o primeiro dos camiños, sen a translación non coñeceriamos o fenómeno xacobeo e nin sequera esta cidade nos termos nos que a coñecemos", sinalou.

Alvaro de Marichalar en Santiago
Alvaro de Marichalar en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta