Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/08/2021 | Actualizada ás 14:26
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, agradeceu este luns "todas as palabras e mostras de agarimo evidente" da militancia despois do seu anuncio para abrir un período de "reflexión persoal" para decidir se se presenta ou non á reelección como líder do partido, na XVII asemblea que celebrará a formación nacionalista o próximo 7 de novembro.
En rolda de prensa, Pontón reiterou que abriu este proceso de reflexión "sereno e responsable" pensando no "mellor para Galicia e para o BNG" de cara ás próximas eleccións ante un "reto de primeira magnitude como gobernar Galicia desde a presidencia da Xunta". A actual líder do BNG insistiu no momento de especial relevancia que atravesa a formación nacionalista, que ostenta o liderado da oposición no Parlamento galego, polo que dirixir o BNG supón un importante reto ante o que é preciso "reflexionar ben".
"Como portavoz nacional é necesario reflexionar se ante os novos retos e esta nova etapa son a persoa adecuada", sostivo Pontón que considera que o peor que lle pode pasar a unha política é "actuar por inercia e sen ter claros os obxectivos e metas". A nacionalista, cuestionada sobre o paralelismo deste proceso de reflexión co anunciado no seu momento polo presidente galego e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, reiterou que ela descoñece "cales son as situacións que viviron outras persoas" polo que ela só pode falar da súa situación persoal.
No seu caso, é consciente de que o seu anuncio de reflexionar "sorprendeu moito" porque non é o proceder habitual nun partido cando os resultados son favorables pero a dirixente non quere "estar porque si" en tanto que "todos debemos reflexionar críticamente sobre o noso papel e non dar nada por feito".
No entanto, sinalou que non remite todo a unha "decisión persoal" xa que na formación "quen decide é a militancia, que ten un papel decisivo" para decidir sobre os dirixentes do partido. Finalmente, Pontón tamén remarcou que os principios fundamentais do BNG non están en dúbida porque os galegos saben que "a alternativa ao PP na Xunta ten que escribirse cun guión no que rompamos a dependencia de Madrid".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.