A Xunta deixará que sexan os hosteleiros os que decidan os niveis de seguridade dos seus locais

O protocolo, pendente do aval do comité clínico, recuperará o uso da barra nos negocios que decidan estar en nivel máximo.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 07/09/2021 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

Os negocios de hostalaría en Galicia quedarán divididos en dous niveis de seguridade independentemente da situación sanitaria do concello no que se atopen. Serán os propios establecementos os que decidan baixo que nivel de condicións se seguridade traballan, se no medio ou no máximo, que permitirá maior aforamento e outras cuestións como recuperar o uso da barra.

Estas foron algunhas das claves ofrecidas polo vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesña, sobre o protocolo pactado co sector da hostalaría e que agora deberá ser referendado polo comité clínico que asesora á Administración autonómica na reunión que terá lugar na tarde deste martes.

Os responables autonómicos apelaron a que o documento conten co referendo do grupo de expertos antes de desvelar os detalles do novo protocolo, aínda que apuntaron algúns detalles, como a articulación de dous niveis de seguridade en toda Galicia.

En cada nivel rexerán unha serie de obrigacións e medidas sanitarias que permitirán aos establecementos funcionar con independencia da situación epidemiolóxica do concello, aínda que se prevee a posibilidade de adoptar medidas conxuntas en caso de empeoramentos severos do contexto sanitario ou cando se detecten brotes asociados á hostalaría. A idea da Xunta é que o novo protocolo, no caso de que o comité clínico dea o seu visto e prace, entre en funcionamento este mesmo mes de setembro.

Ademais, o Executivo galego tamén avanzou que se atopa en conversacións co sector para elaborar un novo marco normativo para o lecer nocturno co horizonte de que estea listo no mes de outubro. A posibilidade de prolongar o horario de funcionamento destes locais está sobre a mesa

Local de hostalaría. César Arxina - Europa Press
Local de hostalaría. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta