Por Galicia Confidencial | A Coruña | 07/09/2021 | Actualizada ás 17:28
Víctor Bellón, policía nacional que participou nas tarefas de evacuación en Afganistán, cualificou como o momento "máis duro" ver a unha nai ter que elixir "entre un neno e o outro", en referencia a un dos fillos que quedou co pai nese país.
Así o relatou aos medios de comunicación coincidindo coa recepción que lle ofreceu a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, nun acto no que esta enxalzou o labor que realizan as Forzas e Corpos de Seguridade en materia humanitaria.
Víctor Bellón, de Narón e con 27 anos de exercicio profesional, dos que 23 foi en unidades de intervención, explicou que esta era a súa segunda misión en Cabul xa que estivo con anterioridade en 2018. "Nada que ver, en principio era todo normal ata que empezaron a achegarse os talibáns e xa viamos que non acabariamos a misión", dixo comparando unha situación con outra.
"Tráiome tanto a experiencia profesional como humanitaria porque era máis función humanitaria, un pouco de todo, axudando á xente que chegaba en moi malas condicións físicas e de drama familiar", lembrou. En particular, aludiu a un neno "que choraba polo irmán". "O irmán quedou co pai, a nai tivo que elixir entre salvar un neno ou o outro, foi o máis duro", sentenciou.
Por outra banda, admitiu que houbo momentos nos que temeu pola súa vida, sobre todo no atentado do último día antes da súa partida. Aínda así, manifestou que "vives como unha burbulla e dedícaste a facer o que tes que facer".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.