Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2021 | Actualizada ás 17:52
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Cluster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, reuníronse este venres con representantes de diferentes entes territoriais para abordar os plans de sustentabilidade turística cos que Galicia optará aos fondos europeos extraordinarios.
No encontro participaron representantes das administracións locais e supramunicipais, colectivos sectoriais e entidades do sector, que puideron coñecer os detalles sobre as convocatorias abertas actualmente: o Plan Nacional Xacobeo e o Plan Extraordinario relacionado co litoral.
Na súa intervención, Nava Castro informou as xestións realizadas co Goberno central a través da Secretaría de Estado de Turismo, (SETUR), así como das reunións que se mantiveron nos últimos meses coas asociacións e entidades local supramunicipais galegas relacionadas coa xestión e a promoción do turismo.
O Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino de Galicia para a primeira convocatoria extraordinaria de fondos europeos supón "unha oportunidade excepcional para a reactivación, impulso, modernización e mellora da competitividade do sector", asegura a Xunta nun comunicado.
Galicia presentará un Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino atendendo a unha prioridade de actuación cada ano: litoral, no ano 2021; enogastronomía, no 2022; e vilas termais e centros históricos, para o 2023.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.