A ría de Muros-Noia seguirá pechada ao marisqueo pola toxina

Atrásase a campaña ata, polo menos, o luns.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/09/2021 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

A ría de Muros-Noia (zonas II e III) manterase pechada á extracción de moluscos tras as últimas análises publicadas este mércores polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) nos que se detectan presenza de toxina.

Mariscadores e mariscadoras apañando ameixa e berberecho na Ría de Muros e Noia
Mariscadores e mariscadoras apañando ameixa e berberecho na Ría de Muros e Noia | Fonte: Liliana Solís.

O secretario da confraría, Adelo Freire, explica que se mantén o peche porque os resultados arroxan que "soben un pouco os índices de toxina respecto ao anterior".

A campaña de ameixa e berberecho ía comezar o luns, 20 de setembro, pero a marea vermella impídeo por agora. A próxima analítica farase o venres, polo que os resultados non se coñecerán ata o sábado, de maneira que, "como mínimo", ata o luns non poderán saír a faenar no mellor dos casos, segundo indica Freire.

E é que a última analítica reflicte que, "de momento, non mellorou nada", mesmo "empeorou de onte para hoxe", polo que "máis de 1.300" produtores seguirán sen poder traballar nos bancos marisqueiros da ría.

De tal forma, o secretario do depósito de Noia sinala que agora "non queda outra que ter paciencia, resignación e esperar que mellore".

Mentres, a gran maioría dos polígonos de mexillón de Galicia mantéñense clausurados por este episodio de marea vermella. O Intecmar tamén resolveu este mércores pechar á extracción a zona Grove A, na ría de Arousa, pola presenza de toxina lipofílica. En cambio, decidiu reabrir á extracción a zona de Redondela C, na ría de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta