O delegado do Goberno asegura que a transición ecolóxica "é un motor" da recuperación económica

Miñones destaca que a aposta polo hidróxeno verde por parte do Goberno central "é xa unha realidade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2021 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, asegurou que "a transición ecolóxica é un dos motores" da recuperación económica e que a área de Ferrol "representa o polo industrial que debe de levar Galicia á vangarda económica".

Ademais, Miñones detallou que a aposta polo hidróxeno verde por parte do Goberno central "é xa unha realidade", á vez que incidiu en que este tipo de sistema de xeración de enerxía caracterízase "pola súa baixa contaminación e a súa constante produción, unha proposta que é irresistible e que vai cara á descarbonización que se busca desde o Goberno".

Ditas manifestacións realizounas este xoves, 23 de setembro, no auditorio do CIS Galicia, en Ferrol, durante a clausura da Xornada Hidróxeno Verde en Galicia, organizada polo Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) e que abordou en varios relatorios e mesas redondas o futuro deste sistema enerxético.

Miñones detallou que "hai 1.555 millóns de euros destinados ao hidróxeno verde nos próximos anos, sendo a previsión mobilizar ata 8.900 millóns ata o ano 2030". "Contamos cun gran apoio, como son as empresas e industrias privadas", xa que ao seu entender "as renovables son o futuro", abundou.

POLÍTICA INDUSTRIAL

José Miñones aproveitou a súa intervención para criticar o Goberno da Xunta, ao asegurar que "a falta dunha política industrial nesta última década en Galicia está a ter un forte impacto". "Pero agora toda a nosa comunidade, e especialmente Ferrolterra teñen unha excelente oportunidade", destacou, "xa que os fondos de recuperación que temos encima da mesa non os podemos desaproveitar".

O representante do Executivo que preside Pedro Sánchez aproveitou a súa presenza en Ferrol para referirse a que no próximo mes de marzo se iniciará a construción das futuras fragatas F-110 para a Armada Española nas instalacións do estaleiro público de Navantia.

EÓLICOS

Así mesmo, Miñones detallou que é necesario "un debate entre administracións, máis político que técnico", para abordar "entre Xunta e Estado os futuros parques eólicos", ante o gran rexeitamento que están a xerar estes proxectos na maioría de localidades galegas.

Precisamente, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mostrou a súa preocupación "xa que é imposible que haxa hidróxeno verde se non hai enerxía eólica, algo que debe de quedar claro". "E o que estamos a ver cada día, cada vez con máis intensidade, é unha oposición frontal a unha implantación eólica en Galicia", afirmou para reclamar "unha posición serena sobre iso", ao incidir que "cando un observa nos medios de comunicación anuncios nos que se saca peito por informar negativamente aos parques eólicos tramitados polo Goberno central, estamos a pór en risco que o hidróxeno poida ser unha realidade en Galicia".

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones | Fonte: Delegación do Goberno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta