As pernoctacións en apartamentos, cámpings e albergues superan no agosto en Galicia as de antes da covid

Non ocorre o mesmo cos aloxamentos de turismo rural, que rexistran mellor dato que hai un ano, pero peor que hai dous.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/10/2021 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

As pernoctacións en apartamentos, cámpings e albergues superaron en agosto en Galicia os datos rexistrados no mesmo mes de 2019, antes de que estalase a crise da covid. Non ocorre o mesmo cos aloxamentos de turismo rural, que se anotaron un dato maior que o de igual período de 2020, pero peor que o prepandemia.

Así o reflicten os datos provisionais publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, o maior incremento deuse en albergues, cuxas pernoctacións pasaron de 6.071 en agosto de 2019 e 4.897 en agosto de 2020 a 154.053 en agosto deste ano (25 veces máis que a cifra precovid). No que respecta a apartamentos turísticos, as pernoctacións na comunidade galega pasaron de 129.908 en agosto de 2019 e 120.035 en agosto de 2020 a 149.657 o pasado agosto. Mentres, en cámpings seguiron a seguinte evolución: 426.105 en agosto de 2019, 307.340 en agosto de 2020 e 440.468 en agosto de 2021.

As que si baixaron en comparación con agosto de 2019, aínda que se recuperan en relación con agosto de 2020, son as pernoctacións en aloxamentos de turismo rural: 103.445 agora, fronte a 112.514 hai dous anos e 79.752 fai un.

Pola súa banda, ás casas rurais galegas correspondéronlles 23.906 viaxeiros en agosto e un total de 66.404 pernoctacións, e aos albergues do Camiño de Santiago (peregrinos), 17.631 viaxeiros e pernoctaciones (a estancia media é dunha xornada).

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, as pernoctacións en establecementos extrahoteleros (apartamentos, cámpings, aloxamentos de turismo rural e albergues) superaron os 22,3 millóns en agosto, un 49,2% máis que no mesmo mes de 2020, e acumulan un repunte do 36,3% no oito primeiros meses do ano.

En agosto, as pernoctacións de viaxeiros residentes en España alcanzaron a cifra de 16,1 millóns, un 32% máis que en agosto de 2020, mentres que as dos estranxeiros totalizaron 6,1 millóns, máis do dobre que o mesmo mes do ano pasado (+127,1%).

No entanto, en comparación con agosto de 2019, en ausencia de pandemia, as pernoctacións extrahoteleras baixan un 14,6%, a pesar de que as pernoctacións dos españois sitúanse por encima do nivel precovid, ao superar nun 15,2% as rexistradas en agosto de 2019. Non ocorre así cos estranxeiros, cuxas pernoctacións en agosto deste ano son uns 49,5% inferiores ás do mesmo mes de 2019.

Durante o pasado mes de agosto estiveron abertos en España 163.883 aloxamentos extrahoteleros, o que representa un 84,1% do total do directorio de establecementos nese mes.

Arquivo - Cámping Can Bora, en Xirona. CÀMPINGS DE XIRONA - Arquivo
Arquivo - Cámping Can Bora, en Xirona. CÀMPINGS DE XIRONA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta