Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2021 | Actualizada ás 14:36
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamenta que ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "lle moleste" a súa reflexión interna sobre se seguir ou non á fronte da formación nacionalista, despois das críticas do tamén líder do PPdeG a esta decisión.
"Reflexionar non debería ser usado contra ninguén. Que ao señor Feijóo lle moleste que eu pense creo que define a súa concepción da política", denunciou Pontón nunha rolda de prensa celebrada este luns.
Ademais, preguntada sobre cando anunciará a súa decisión, insistiu en que será "cando estea acabado" ese proceso. "A axenda do BNG, a axenda de Ana Pontón, non a marca o señor Feijóo, quen a marca en todo caso o interese xeral dos galegos e as galegas", subliñou a portavoz nacional.
Segundo as súas palabras, é a próxima Asemblea Nacional do Bloque --prevista para o 7 de novembro na Coruña-- o que "pon tan nervioso" ao presidente autonómico. Esta cita servirá, explicou, para demostrar que os nacionalistas son "alternativa" ao PPdeG e que aspiran á Presidencia da Xunta dentro de tres anos.
"Imos facer un traballo serio e rigoroso que empeza nesta Asemblea. Quizá por iso o señor Feijóo está tan nervioso ultimamente e vén ás sesións de control a falar de todo menos do que se lle pregunta", resumiu Pontón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.