Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 10/10/2021
Substancialmente trátase dun reasignamento de escanos, nomeadamente nas pequenas circunscricións (3, 4 ou 5 deputados) da España baleira, mais tamén hai un chisco de aliñamento coa nova mensaxe PP-Vox en determinados ámbitos do Estado español, de xeito principal na rexión madrileña e nas capitais castelás e andaluzas, sen que sexa polo de agora albiscábel este fenómeno noutras nacionalidades e sen prexuizo de que esta onda poida chegar tamén aos nosos barrios e que, mesmo sen se modificar de xeito substancial o asignamento de escanos da Galicia nunhas estatais, abonde con estas rexións, cidades e circunscricións para garantir unha maioría absoluta da dereita e da extrema dereita no Estado. O afundimento de Cs coa lei D´Hondt é unha bomba adiada.
Velaí que Casado deixase de pór os marcos que sinalou no outono de 2020 con Vox (canda o debate da moción de censura que presentaron os extremistas) e organizase unha convención itinerante para lle comunicar ao electorado que o PP de hoxendía afástase do centro político e achégase á extrema dereita de Vox, dotándose dun discurso supremacista español e duns valores propios da guerra cultural do trumpismo USA. Neste contexto, Vargas Llosa manifestou que o importante non é votar en liberdade, senon “votar ben” e Aznar dixo que España non é “nin plurinacional, nin multinivel nin a nai que a pariu”, amosando que o seu son os valores do pluralismo político e territorial e o xorne liberal e democrático. Mentres, Vidal-Quadras certificaba o fracaso do Estado autonómico e máis a necesidade dunha remuda institucional na gobernanza territorial do Estado.
O problema é que estas diagnoses enchoupan as estruturas do Deep State (altos cargos militares, policiais e dos corpos de elite da Administración do Estado, directivos do Ibex 35 e das media madrileñas, opinadores da capital do Estado) e reforzan as tendencias recentralizadoras no político e no económico, ameazando directamente calquera política a prol do autogoberno e do desenvolvemento social e económico de Galicia e do benestar e calidade de vida da cidadanía galega.
Nestas circunstancias…que pensan Núñez Feijóo e o PPdeG desta enxurrada extremista, supremacista e autoritaria? Como cren que incidirá este binomio PP-Vox no futuro de Galicia? Que grao de adhesión e comprensión manteñen cun partido, o PP, botado ao monte do extremismo e do supremacismo?