Caso Valtonyc: máis derrotas para o cumio xudicial español

O rapeiro Josep Miquel Arenas ( Valtonyc) foi condenado no 2017 por ese Tribunal de excepción chamado “Audiencia Nacional” á pena de tres anos e medio por delictos de expresión, nomeadamente inxurias graves ao daquela Xefe de Estado (a quen alcumou de “ladrón”) e supostas loubanzas á ETA, xa desaparecida na altura e con quen non tiña vencello directo ou indirecto ningún, o que determinaba que as malfadadas e insultantes verbas dESTE Valtonyc non levaran inserida ningunha ameaza violenta directa nin indirecta, senón expresións, si, desaqueladas e ferintes, mais que non serían delicto noutro Estado europeo.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 31/10/2021

Comparte esta noticia
Esta sentenza foi confirmada polo Tribunal Supremo estatal que preside Marchena no 2018 e, xa que logo, o Valtonyc, até daquela unha besta parda nas súas falas e cantares, fixo o que faría calquera persoa normal que coñecese, como sen dúbida coñecían os seus avogados, a dinámica xudicial destes anos de chumbo represivo e lawfare: liscar ao Reino plurinacional de Bélxica e porse baixo a protección da rede xurídica, política e de apoio do President Puigdemont e dos consellers e consellera  exiliadas no Estado flamengo-valónico.  Persoas, que por certo, seica  foron quen de lle abrir as neuronas do sentidiño, do seny, ao mallorquín. 
 
Mais non estamos a analisar  os cantares desaqueladamente ofensivos (mais nunca delictivos) dun rapaz de 20 anos no intre dos feitos, senón da represión áceda e cruel do Reino de España, que leva tres anos tentando acadar a extradición deste home  de Flandres, onde reside dende aquela, a medio dunha euroorde que, como as do president Puigdemont, a consellera Ponsatì e máis o  conseller Puig, vai camiño de ser desestimada polo Tribunal de Apelación de Gaant, que o 23 do mes que andamos vai analisar o recurso presentado pola Fiscalía belga que representa ao Reino de España contra da decisión do xulgado de instancia, que desbotou cumprir esta euroorde por se tratar de delictos de opinión non incriminados na libre  Bélxica. 
 
E a razón é dupla. Por unha banda o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) respostou unha cuestión prexudicial do Tribunal de Apelación de Gaant rexeitando que o delicto de loubanza do terrorismo fose de entrega automática no marco da lexislación das euroordes, pois que éste fixa en tres anos as penas mínimas para activalas, cando o Código Penal español no intre de se cometer os delictos fixaba a pena máxima en dous anos, circunstancia esquecida pola euroorde española, que alegaba a lei penal vixente dende 2015, máis rigorosa que a vixente cando o Josep Miquel cometeu os feitos. Como diría un castelán castizo: “pillaos con el carrito de los helaos “ .
 
E, pola outra, o delicto de inxurias ao Xefe de Estado, vixente no Reino de Bélxica por lei de 1847 e que supostamente  abeiraba tamén a euroorde española, ven de ser declarado inconstitucional polo Tribunal Constitucional do reino plurinacional, que resolveu deste xeito a segunda cuestión prexudicial que remesou o asisado Tribunal de Apelación de Gaant que, facendo pedagoxía para toda a Europa,  amosa ter en conta tanto o Dereito europeo común como o Dereito Europeo de Dereitos Humanos.
 
Porque a Alta Corte belga ven de declarar inconstitucional o delicto de inxurias ao Rei (penado até con tres anos de cárcere e, xa que logo, habilitante de primeiras para alicerzar unha euroorde de prendemento e entrega) pola sinxela razón de que vulnera a liberdade de expresión recoñecida na Constitución daquel Reino, que segue o criterio do artigo 10 da Convención Europea de Dereitos Humanos, , como ordenan tanto a constitución belga como a española, que coinciden en se suxeitar ao Dereito convencional europeo de dereitos fundamentais na intrerpretación que del fai o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) de Strasbourg.

Valtonyc
Valtonyc
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.