Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/11/2021 | Actualizada ás 17:10
O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, estima que a ocupación serán de entre o 90% e 95% para a ponte da Constitución do próximo fin de semana. Así o dixo este martes durante a presentación da nova campaña do proxecto 'Galicia destino familiar', que ademais contou coa participación da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Pardal valorou positivamente os datos de turismo do último ano e insistiu en que o sector hostaleiro "é parte da solución" á hora de enfrontar as consecuencias da pandemia. Fixo fincapé na necesidade de medidas como o pasaporte covid para garantir a seguridade de clientes e traballadores.
Tamén destacou a comunicación constante coa Administración galega para atopar solucións á situación do sector desde o inicio da pandemia.
Pola súa banda, a directora da Axencia de Turismo subliñou a aposta da administración galega por converter Galicia nun destino turístico seguro. Ademais, asegurou que Galicia é a primeira autonomía en planificar estratexias de turismo de forma conxunta co sector.
O responsable do proxecto, Emilio Cuíñas, sinalou durante a súa intervención que a promoción das ofertas e as empresas a través desta plataforma non só está orientada para o turismo estatal, así, destacou o volume de turistas de dentro da propia comunidade e de Portugal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.