Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2021 | Actualizada ás 19:22
O sindicato CC.OO. organizará diversos actos en 2022 ao cumprirse o cincuenta aniversario dos tráxicos sucesos acontecidos o 10 de marzo de 1972, cando durante unha mobilización dous traballadores do sector naval, Amador Rey e Daniel Niebla, morreron ao recibir o impacto de balas efectuados por axentes da Policía.
En rolda de prensa ofrecida na sede comarcal deste sindicato en Ferrol, adiantáronse algúns destes actos, nunha cita na que estivo a secretaria xeral de CC.OO. Galica, Amelia Pérez; o responsable comarcal, José Furtado; un dos integrantes da súa executiva, Santiago Díaz; e o presidente da Fundación 10 de marzo, Xan María Castro.
"Estamos a piques de comezar un ano moi importante para nós, como Comisións Obreiras", explica Pérez. "Pretendemos lembrar todo o acontecido e reforzar a nosa memoria democrática, algo que é imprescindible sobre todo neste momento, onde estamos a mirar como certos discursos se están incrementando de modo preocupante", lamenta. "Desde CC.OO. ímolo a disputar e non imos tolerar que se tente reescribir a historia deste país", agrega.
"CIDADE REBELDE"
Pola súa banda, o secretario comarcal, José Furtado, apuntou que "é un verdadeiro orgullo iniciar un ano de conmemoración, de memoria histórica, de recordo de Amador e Daniel", os traballadores falecidos, "que foron compañeiros, exemplo de tantas loitas e aprendizaxes que están no noso ADN sindical e na historia desta comarca, nestes 50 anos de loita obreira na cidade rebelde".
Xan María Castro detallou que a Fundación 10 de marzo traballa na produción dun documental que recolle os feitos do 72 e que se proxectará no Teatro Jofre. O programa de actos, inclúe a tradicional ofrenda floral institucional, a manifestación, unha mesa redonda coa participación de Unai Sordo, Ignacio Fernández Toxo e Nicolas Sartorius, ademais da entrega dos premios da Fundación 10 de marzo.
Tamén haberá un concurso escolar que se realizará cos traballos realizados a partir dunha unidade didáctica específica que foi executada pola Editorial Galaxia e que se repartirá nos institutos da zona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.