Por E.P. | PONTEVEDRA | 28/11/2021 | Actualizada ás 19:34
A Xunta de Galicia deu a coñecer este domingo, na feira Culturgal, as actividades que terán lugar no Gaiás durante o Nadal, a partir do 17 de decembro, entre as que destacan a actuación da Orquestra Sinfónica de Galicia, unha instalación artística sobre o Camiño de Inverno, circo e maxia e teatro.
Así, a instalación artística, a cargo da recoñecida artista Ana Inés Jabares-Pita, recreará o Camiño de Inverno a través de bólas de neve a escala humana. Estas bólas, entre as que se poderá pasear, representan "unha paisaxe máxica ambientado con puntos de luz".
A Orquestra Sinfónica de Galicia, pola súa banda, ofrecerá na xornada inaugural --o venres 17--, ás 19,00 horas, un concerto co acompañamento da cantautora Marina Heredia no que interpretarán obras de Federico García Lorca e Manuel de Falla. As entradas para a actuación, a cinco euros, estarán á venda proximamente en Ataquilla.com.
Por último, a compañía La Fiesta Escénica levará ao Gaiás o 3 de xaneiro un gran 'Circo de Nadal' con espectáculos aéreos, acrobacias e osos polares animatrónicos. A programación complétase cunha función de maxia, Ilusións do Camiño, a cargo de Maxia na Manga, fixada para o día 27 de decembro.
Estes magos tamén impartirán talleres para a cativada nas Tardes de maxia, os días 22, 23, 28 e 29 de decembro. As entradas para as distintas propostas poderán adquirirse en Ataquilla.com a prezos que oscilan entre o tres e o cinco euros. Ademais, o día 18 de decembro a Biblioteca de Galicia convida gratuitamente (previa inscrición en cidadedacultura.gal) a gozar cun teatro de elfos coa obra 'Os trasnos do Nadal'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.