Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/11/2021 | Actualizada ás 09:00
Con motivo da aprobación, este ano, da Lei Orgánica de Regulación da Eutanasia, a Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) vén de presentar o “Manual básico da SEN sobre o Final da Vida e a Lei da Eutanasia”. Trátase dun traballo elaborado baixo a idea de servir como ferramenta de consulta sobre conceptos relacionados coa atención de pacientes neurolóxicos que poidan solicitar iniciar este proceso. Segundo trasladan dende a SEN, o documento deuse a coñecer na súa 73ª Reunión Anual, que se está celebrando en formato virtual ata o próximo 2 de decembro. No documento que se presenta agora profúndase nalgúns aspectos que se introduciron no anterior manual, elaborado hai uns meses.
O Dr. Francisco Escamilla, vogal da Sociedade Española de Neuroloxía, explica que a repercursión da iniciativa lexislativa nos pacientes con enfermidades neurolóxicas "é un tema sumamente complexo desde un punto de vista ético e profesional e especialmente en campos como o da Neuroloxía, porque sabemos, pola experiencia doutros países, que as peticións que proveñen de pacientes neurolóxicos supoñen entre un 10 e un 20% dos casos”.
No “Manual básico da SEN sobre o Final da Vida e a Lei da Eutanasia” abórdanse todos os problemas relacionados coa eutanasia e os coidados paliativos nas enfermidades neurolóxicas, revisando algúns aspectos relacionados coa morte digna no paciente neurolóxico. Desta forma, o Manual comeza cunha análise sobre a implantación da eutanasia noutros os países, analizando as enfermidades neurolóxicas nas que se aplica e os problemas que se expoñen en cada unha delas. Tamén se realiza "un exame detallado" da lei española, co fin de axudar ao lector para entender ben o seu desenvolvemento e aplicación.
Ademais, dedícanse capítulos a analizar o sufrimento desde a perspectiva neurolóxica, dedicando un apartado especial a unha das situacións nas que resulta máis difícil avalialo: os pacientes con demencia; á avaliación da capacidade de decidir; ou á abordaxe dos coidados paliativos, onde se valoran as diferentes afeccións neurolóxicas que con máis frecuencia van requirir da aplicación destes coidados (ELA, esclerose múltiple, enfermidades cerebrovasculares, demencia e trastornos do movemento) e con recomendacións sobre as competencias que debe ter un neurólogo para a prestación dos mesmos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.