Feijóo pide a "menor interacción social posible" de cara á ponte de decembro

O comité clínico, que se volverá reunir este venres, irá axustando as medidas en función da situación epidemiolóxica e do pico.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/12/2021 | Actualizada ás 17:03

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu este xoves a "menor interacción social posible" ante o aumento dos contaxios da covid-19 nos últimos días e avisou de que "todo depende" dos comportamentos individuais e colectivos dos próximos días.

"Todo depende do que fagamos na ponte", afirmou na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, na que sinalou que aínda que a "situación epidemiolóxica está a empeorar clarísimamente", o contexto "non é igual" ao de "hai un ano" xa que o "94% dos galegos" contan xa cunha dobre dose da vacina.

Segundo indicou, esta inmunización "está detrás de que a situación hospitalaria de momento non estea agravada desde o punto de vista de ingresos tanto en UCI como en planta". "Todo o mundo pode entender que non debemos actuar igual que se non estivésemos maioritariamente vacinados, pero tamén todo o mundo entende que non podemos actuar igual que se non estivésemos no centro da sexta onda en Galicia", expresou.

"Neste contexto temos que seguir traballando e actuando coa vixilancia precisa", afirmou o presidente, que explicou que se traballa tendo en conta "un par de escenarios". "Un máis optimista, que debería tender a unha certa retardación de novos casos a partir dos próximos días; e un máis pesimista, no que seguiriamos cun incremento de novos casos durante todo o mes de decembro", detallou.

O máximo mandatario autonómico asegurou que a diferenza radicará "nas interaccións que se produzan nos próximos días", "en función do comportamento individual e colectivo dos próximos días, especialmente na ponte". Así as cousas, destacou que o subcomité clínico, que se volverá reunir este venres, seguirá analizando a evolución durante as próximas semanas e que se irán axustando as medidas en función da situación epidemiolóxica e do pico.

"Se somos capaces de que o pico empece a diminuír na segunda quincena, estaremos ante un suposto distinto; e se na segunda quincena segue subindo, estaremos nun escenario máis preocupante", dixo Feijóo. Todo iso nunha intervención na que lembrou a necesidade de manter as máscaras en espazos interiores, de gardar a distancia física e dunha correcta ventilación dos locais.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do Consello este xoves. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do Consello este xoves. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta