'Paleta planeta', o novo traballo de Yolanda Castaño e Xosé Tomás que aborda o universo das cores

A presentación do álbum ilustrado terá lugar este martes 7 na Coruña.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 07/12/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

'Paleta planeta' é o nome do novo traballo da escritora, poeta e promotora cultural Yolanda Castaño xunto ao ilustrador, e tamén guionista e humorista gráfico Xosé Tomás, que presentarán este martes 7 de decembro na Libraría Berbiriana, na Coruña. Trátase dun álbum ilustrado dirixido a nenas e nenos a partir dos 10 anos e nel, os autores, abordan o universo das cores dende diferentes dimensións: a psicolóxica, física e cultural.

'Paleta Planeta', de Yolanda Castaño e Xosé Tomás preséntase na Coruña
'Paleta Planeta', de Yolanda Castaño e Xosé Tomás preséntase na Coruña | Fonte: remitida

A presentación terá lugar ás 19:30 da tarde e nela participarán os autores acompañados pola directora de Baía Edicións, Belén López Vázquez, quen achegará un punto de vista crítico sobre a obra.

Segundo explican, 'Paleta planeta' ofrece microhistorias nas que desaparecen os límites físicos da realidade, pois en cada unha destas composicións oníricas crean pequenos mundos autónomos "capaces de reunir elementos tanxibles e intanxibles nun mesmo lenzo, mentres reflicten o seu amor á natureza, o pacifismo, o interese por outras culturas ou a súa paixón pola vida". 

O álbum, destacan dende Baía Edicións, traballa  o gusto polo xénero poético, a conexión entre as artes, un cosmopolitismo nada eurocentrista, a identificación das propias emocións e a súa expresión a través de linguaxes creativas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta