O PSdeG acusa ao PP de "favorcer aos seus amigos" a través da política de persoal da Xunta

Pablo Arangüena sinala que na Administración galega "están a incumprirse, reiterada e sistematicamente, principios elementais da contratación administrativa".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2021 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

O viceportavoz do grupo parlamentario do PSdeG Pablo Arangüena acusou ao Partido Popular de ter "un sistema para favorecer aos seus amigos" a través da política de persoal da Xunta.

Nunha rolda de prensa ofrecida este venres na Cámara galega, Arangüena asegurou que as conclusións do último informe do Consello de Contas sobre a contratación de persoal da Xunta e de todos os seus organismos dependentes entre os anos 2014 e 2019 evidencian un "descontrol" e unha "falta de legalidade" nos procedementos empregados.

"O PP de Galicia ten implantado na Administración autonómica galega un sistema de xestión e contratación de persoal que, en lugar de respectar os principios de igualdade e mérito, perpetúa situacións de abuso e arbitrariedade que non son casuais, senón que obedecen a unha estratexia deliberada para patrimonializar os postos de traballo públicos en beneficio de persoas afíns ao PP", sinalou.

Neste sentido, alertou de que "hai un sistema para favorecer aos amigos do PP na política de persoal da Xunta" que é denunciado polo propio Consello de Contas neste texto ao asegurar que "se están incumprindo as recomendacións que efectuou hai anos" e tendo en conta que a Xunta "non estableceu aínda criterios mínimos xustificativos da necesidade de cubrir a dedo determinados postos".

"O contido deste informe resulta demoledor porque pon branco sobre negro e sinala que na Administración galega están a incumprirse, reiterada e sistematicamente, principios elementais da contratación administrativa de persoal como son os de control, garantía e transparencia" cando ademais hai que ter en conta que a Xunta "é a maior organización en canto a volume de persoal que existe en Galicia" e "debería estar suxeita ao máximo control".

O deputado autonómico do PSdeG Pablo Arangüena en rolda de prensa. PSDEG
O deputado autonómico do PSdeG Pablo Arangüena en rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta