A revista National Geographic recomenda o Museo do Claustro Mercedario de Verín

Ademais, o museo recibiu días atrás ao visitante número 30.000 e suma medio cento de actividades realizadas en catro anos.

Por X.M. Fernández | Verín | 13/12/2021 | Actualizada ás 10:28

Comparte esta noticia

Hai poucos meses, o Museo do Claustro Mercedario de Verín foi mencionado pola revista National Geographic entre os atractivos da comarca de Monterrei, xunto con bens culturais da categoría do castelo da acrópole ou da igrexa de Mixós. A mención, incluída nunha ampla reportaxe sobre o enoturismo en Galicia, destacou ao Museo como unha parte máis "da riqueza cultural da comarca" que alberga contidos patrimoniais e divulgativos desta.

Alcalde e concelleira coa visita 30.000 ao museo. Foto: Prensa Concello de Verín
Alcalde e concelleira coa visita 30.000 ao museo. Foto: Prensa Concello de Verín

Ademais desta mención cómpre lembrar a nominación recibida polo museo para premios de divulgación como a do Instituto Galego do Viño (INGAVI) ou a atención do Consello de Europa, que días atrás avaliou as súas instalacións de cara a incluílas nos seus Itinerarios Culturais Europeos

O Museo do Claustro Mercedario, nacido da colaboración do Concello de Verín coa Orde da Mercede, pretende divulgar a identidade histórica de Verín mediante as máis modernas técnicas de Interpretación Patrimonial e os recoñecementos devanditos deixan un meritorio balance dos seus catro anos de vida.

30.000 VISITAS EN CATRO ANOS

O pasado 8 de decembro, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e a concelleira de Cultura, Emilia Somoza, entregaron a Gustavo Agudo, un mozo de Barcelona, un certificado que o recoñece como o visitante 30.000 do Museo do Claustro Mercedario, ademais dun lote de agasallos consistente nunha cea nun restaurante de Verín, un lote de viños da DO Monterrei e varios libros divulgativos da historia da comarca.

Museo Claustro Mercedario de Verín. Foto: Prensa concello
Museo Claustro Mercedario de Verín. Foto: Prensa concello

O mozo agraciado pertencía a un grupo de investigadores do CSIC e de varias universidades que realizaran traballos de investigación na costa galega, e agora visitaban o interior de Galicia partindo de Sanabria. O museo coñecérano a través da información aportada polos veciños na propia vila de Verín.

O fito de alcanzar os 30.000 visitantes, segundo o alcalde, "demostra que a historia e o patrimonio son un valor engadido para unha comarca, e este valor vén da divulgación, non da súa mera exhibición". Destacou que a fórmula da Interpretación Patrimonial "vai máis alá de xuntar obxectos", e ten que centrarse na súa explicación amena e divertida, que “enganche” ao público coa identidade dunha comarca, neste caso a de Monterrei.

Tanto Alcalde como concelleira agradeceron tamén o importante papel da Orde da Mercede por "proporcionarlle á poboación de Verín a marabillosa ubicación para dar a coñecer a historia, o viño e os valores ambientais da comarca".

ACTIVIDADES MEDIOAMBIENTAIS 

A concelleira de Cultura, Emilia Somoza, lembrou a importancia das actividades de divulgación ambiental e ecolóxicas desenvoltas polo Museo, especialmente entre a poboación moza de Verín.

En palabras de Somoza, as mozas e mozos serán quen "no futuro padecerán ou corrixirán as desviacións causadas no noso ecosistema polo cambio climático, pola contaminación ou o quecemento global", e veaquí a importancia de "equipalos coa mellor arma para loitar contra a parte mala do mundo que lle deixamos, e esa arma é o coñecemento".

A actividade realizada polo Museo do Claustro Mercedario está detallada na web do Concello de Verín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta