Aumentan os hospitalizados con Covid a 293, deles 52 en UCI

Galicia rexistra 12.692 casos activos de Covid-19 tras descender lixeiramente a 873 os novos contaxios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2021 | Actualizada ás 11:01

Comparte esta noticia

Os casos activos de Covid-19 seguen en aumento en Galicia e sitúanse en 12.692 --que supoñen 471 máis que no inicio desta semana--, tras descender lixeiramente os novos contaxios a 873 --case 200 menos que este luns--, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus ascenden a 293 --un máis--. Pola súa banda, a taxa de positividade baixa lixeiramente ao 10,79 por cento na Comunidade galega.

Segundo os datos publicados na mañá deste martes pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste luns, aumentan a 52 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 en Galicia --tres máis-- e descenden a 241 as hospitalizadas noutras unidades --dúas menos--, mentres que 12.399 pacientes atópanse en seguimento nos seus domicilios.

A presión hospitalaria aumenta en catro das sete áreas sanitarias: Vigo, Santiago-Barbanza, Lugo e Pontevedra-Salnés; alíviase lixeiramente nas de Ourense e Ferrol; e mantense sen cambios na da Coruña-Cee.

En concreto, na área de Vigo aumentan a 24 os pacientes Covid en UCI --catro máis-- e descenden a 84 os hospitalizados noutras unidades --seis menos--; e na de Pontevedra e O Salnés soben a sete o críticos --un máis-- e a 40 os ingresados noutras unidades --tres máis--.

Polo seu lado, na área de Santiago e Barbanza seguen cinco pacientes Covid en UCI e aumentan a 15 os hospitalizados noutras unidades --dous máis--; mentres que a de Lugo mantense con cinco en críticos e conta con 12 en planta --un máis--.

Por contra, na de Ferrol continúan dous ingresados por este coronavirus en UCI, pero descenden a 10 os hospitalizados noutras unidades --tres menos--; e na de Ourense baixan a cinco os críticos --dous menos--, pero soben a 56 os doutras unidades --un máis--.

E a única do sete que se mantén sen cambios é a área da Coruña e Cee, con catro pacientes Covid ingresados en UCI e 24 hospitalizados noutras unidades.

MÁIS CASOS ACTIVOS

Os casos activos de Covid-19 aumentan en Galicia e sitúanse en 12.692, que representan 471 máis que a xornada anterior ao haber máis contaxios (873) que altas (395), ao que se engaden sete falecementos. O martes da semana pasada as infeccións situáronse a 9.028.

As infeccións activas aumentan en todas as áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (+173), seguida da de Pontevedra e O Salnés (+70), A Coruña e Cee (+58), Lugo (+53), Ourense e Santiago-Barbanza (+46 cada unha) e á cola Ferrol (+25).

Por tanto, con máis casos activos mantense a área de Vigo, con 4.058; seguida da de Ourense, con 2.754; Pontevedra e O Salnés, con 1.928; A Coruña e Cee, con 1.777; e por baixo do milleiro están as de Santiago e Barbanza, con 872; Lugo, con 802; e á cola segue a de Ferrol, con 501.

Segundo os último datos actualizados polo Ministerio de Sanidade na tarde deste pasado luns, 13 de decembro, Galicia conta cunha taxa a 14 días de 444,92 casos por 100.000 habitantes, polo que segue a incidencia por encima da media de España, que está en 381,26.

BAIXAN OS NOVOS CONTAXIOS

Polo seu lado, os novos contaxios de Covid-19 descenden lixeiramente a 873 con respecto ao comezo desta xornada que comezou con 1.070, o que supón 197 menos. O martes anterior --7 de decembro, en plena ponte-- detectáronse 668.

Deste xeito, as persoas contaxiadas en Galicia desde o inicio desta pandemia ascenden a 202.195, das que 45.953 corresponden á área da Coruña e Cee; 43.531 á de Vigo; 28.510, á de Santiago e O Barbanza; 26.322, á de Ourense; 23.975, á de Pontevedra e O Salnés; 21.415, á de Lugo; e 12.489, á de Ferrol.

Desde o inicio desta crise sanitaria, segundo os datos actualizados pola Consellería de Sanidade, realizáronse 3.104.534 PCR, que implocan 7.121 máis que as contabilizadas ata a xornada anterior e unhas 600 menos que as feitas o día anterior.

En canto á taxa de positividade das probas PCR --número de infeccións detectadas cada 100 test--, descende lixeiramente ao 10,79 por cento tras comezar esta semana no 14,82%. Por iso, segue por encima do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

VÍTIMAS E CURADOS

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en Galicia aumentan a 2.706, ao notificar este luns a Consellería de Sanidade sete novas vítimas, todas elas con patoloxías previas.

En concreto, Sanidade informou que tres destes falecementos producíronse o pasado venres, día 10 de decembro. Trátase de tres homes de 64, 75 e 87 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi).

O sábado morreu outro home de 75 anos que tamén permanecía ingresado no Chuvi; así como unha usuaria da Residencia Irmáns Prieto do Carballiño que tiña 85 anos e recibía asistencia no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Tamén o CHUO faleceu o domingo un home de 72 anos e este luns unha muller de 87 anos que permanecía ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).

Fronte a iso, 186.835 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse no conxunto da Comunidade galega desde o comezo desta crise sanitaria, que supoñen 395 máis que as rexistradas ata o día anterior.

Varias persoas na terraza dun bar, a 18 de setembro de 2021, na Coruña.. M. Dylan - Europa Press
Varias persoas na terraza dun bar, a 18 de setembro de 2021, na Coruña.. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta