Bancos de alimentos recollen case 500.000 quilos en Vigo e A Coruña

Destacan que aumentou o doado na 'Gran Recollida' en relación a outros anos aínda que inciden na continua demanda

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2024 | Actualizada ás 19:42

Comparte esta noticia

Os bancos de alimentos galegos afrontan con tranquilidade os próximos meses tras os bos resultados obtidos na 'Gran Recollida', promovida no mes de novembro, segundo coinciden os seus máximos responsables en declaracións a Europa Press.

Así o apunta o presidente do Banco de Alimentos da Coruña, Manuel Moura, quen destaca o aumento de voluntarios, 1.400 nesta provincia fronte ao mil do ano anterior, o que, engade, favoreceu unha maior recadación. A pesar dunhas expectativas que inicialmente non eran tan boas, ante a demanda de produtos polas consecuencias da DANA, Manuel Moura cifrou en case 300 os palets con alimentos recibidos, uns 160.000 quilos. "Recadamos un 27% máis que o ano anterior", apunta á espera de concretar a contía recibida en doazóns económicas que logo utilizan para comprar produtos.

Con todo, e aínda que remarca a cantidade recibida, lembra que fan entrega diaria a 120 entidades. "Normalmente o recollido nestes días de novembro dúranos ata finais de abril ou primeiros de maio". En canto ao recolleito, afirma que hai o "típico do Nadal" como turróns, pero que, sobre todo, outro tipo de produtos entre os que destaca os precocinados ou aqueles que veñen en bote ou lata como as conservas. Isto vincúlao coa mensaxe lanzada na campaña "para evitar o consumo enerxético en persoas que se atopan en situación complicada".

DOAZÓNS DE EMPRESAS

No entanto, remarca que nestas datas do Nadal teñen doazóns de empresas con produtos que non adoitan ser habituais como os cárnicos. Da demanda, engade que é a mesma a pesar das festas destes días porque son persoas "que pasan por servizos sociais do concello, xa están rexistradas".

Sobre todo, incide, como fan desde o Banco de Alimentos de Vigo, os que, a pesar de traballar, acoden a pedir alimentos ao non chegar a fin de mes por ter un emprego "precario". Tamén aos que xa non os reciben a través do plan europeo ao non poder ser beneficiarios do 'cartón moedeiro' por non ter fillos menores de 16 anos.

OUTRAS PROVINCIAS

Á súa vez, desde o de Vigo subliñan os máis de 325.000 quilos de alimentos recadados na 'Gran Recollida'. "Que conseguísemos isto é a mellor homenaxe que podiamos darlle ao noso presidente recentemente falecido, Iván Martínez". Con iso, engaden, garanten o abastecemento das 153 ONGs e entidades sociais ás que atenden, "ou o que é o mesmo, das 20.000 persoas vulnerables ás que chegamos en toda a provincia".  Por iso, agradecen a resposta da sociedade, "tendo en conta que xa se envorcou solidariamente coas zonas afectadas pola DANA", que fan extensivo aos 2.000 voluntarios e voluntarias que participaron e ao medio centenar de colexios e institutos que se sumaron.

"UN IMPORTANTE COLCHÓN"

Mentres, en Ourense, o seu presidente, Cecilio Santalices, coincide en que a tradicional recollida de alimentos e axudas económicas nas caixas de supermercados "mellorou moito con respecto ao ano pasado". "Un importante colchón, iso durará un trimestre", remarca ao asegurar que dobraron recollida respecto ao ano pasado.

Das demandas, asevera que "adoitan ser sempre as mesmas, se cadra algunhas específicas de produtos do Nadal", afirma para incidir, por outra banda, en que en decembro son moitas as iniciativas solidarias sexan deportivas ou culturais para recadar alimentos.

Voluntarios do Banco de Alimentos de Vigo. BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO
Voluntarios do Banco de Alimentos de Vigo. BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta