A Deputación investirá 11,6 millóns para impulsar a recuperación da área de Pontevedra durante 2022

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, indicou que é "o maior investimento realizado na comarca e en cada un dos concellos garantindo que a cidadanía, viva onde viva, poida ter asegurados os seus dereitos e servizos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2021 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, adiantou que a administración provincial destinará 11,6 millóns para impulsar a recuperación durante 2022 na área de Pontevedra.

Carmela Silva fixo este anuncio no transcurso dun almorzo informativo celebrado en Combarro  no que fixo balance do "investimento histórico" nesta zona que alcanzou os 68,3 millóns de euros durante os últimos 6 anos, "o maior investimento realizado na comarca e en cada un dos concellos garantindo que a cidadanía, viva onde viva, poida ter asegurados os seus dereitos e servizos", dixo.

O "impulso" continuará durante o ano próximo grazas á aprobación do Plan Concellos bianual e á convocatoria do plan extraordinario de obras Reacciona Pontevedra (ReacPon) que, en total, vai significar a chegada doutros 11,6 millóns de euros á área pontevedresa conformada polos municipios de Poio, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Cuntis, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Moraña, Barro, Portas e Campo Lameiro.

A presidenta concretou durante a súa comparecencia os proxectos que se van a pór en marcha no marco do ReacPon como a implantación da mobilidade sustentable nos núcleos de Saíñas e da Puntada de Poio, que recibirá unha subvención de 753.600 euros; a mellora da contorna do río Bermaña de Caldas de Reis (492.825 euros de achega provincial); a reordenación da praza de Frei Antonio Orge de Ponte Caldelas (419.872 euros); a reurbanización das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús de Cuntis (496.933 euros); a reforma da Casa Consistorial de Cerdedo-Cotobade (391.992 euros); o reforzo da seguridade viaria na rúa Miguel Carbajal e na estrada da Fraga na Lama (412.034 de fondos provinciais) e, finalmente, a humanización da rúa 6 e do camiño do núcleo de Mos en Moraña (outros 176.498 euros).

Este "esforzo investidor" da Deputación, que segundo lembrou Silva destina o 35% do seu orzamento aos concellos, foi "fundamental" para que os gobernos municipais puidesen manter servizos e "mellorar a vida da súa xente".

Ademais, a presidenta destacou o apoio que o seu goberno ofreceu aos concellos para redactar os seus plans de mobilidade urbana sustentable (PMUS) e para avanzar na redacción de proxectos, no marco do Plan Ágora.

Ambas as cuestións, apuntou a dirixente socialista, serán básicas para que os concellos poidan optar en 2022 tanto ás axudas dos fondos europeos como ás liñas e programas que se impulsen desde o Estado español.

Esta comparecencia de Carmela Silva en Poio para dar conta dos investimentos realizados na área de Pontevedra pon o punto final á rolda de almorzos informativos ofrecidos na totalidade do territorio provincial.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Deputación de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta